A Pobra do Caramiñal constitúe o final da segunda etapa e comezo da terceira da ruta xacobea náutica dende Baiona, impulsada polos clubs Monte Real Club de Yates de Baiona e RCN Portosín. Así, un total de 25 embarcacións arribaron na xornada do 8 de xullo ao Náutico do municipio. Alí, os/as 124 tripulantes foron recibidas e recibidos pola concelleira do Turismo, Charo Varela (Nós Pobra), quen agradeceu a elección do municipio e puxo en valor os recursos turísticos cos cales se conta.
Pola súa parte, Ignacio Sánchez e Roi Alonso, comodoro e director deportivo do MRCYB, respectivamente, expresaron o seu agradecemento ao Concello e a Muport pola súa disposición, ademais de salienta-la participación na primeira edición da travesía marítima.
O acto concluíu coa entrega dunha bolsa de agasallos -formada por material de promoción do turismo e conservas da Pobra- para cada unha das persoas asistentes.
Os veleiros partiron no 7 de xullo dende Baiona e desembarcarán en Portosín no día 10; realizarán paradas en Combarro, A Pobra do Caramiñal e Muros.
Finalmente, as persoas participantes percorrerán a pé o último tramo da ruta ata chegaren a Santiago de Compostela no día 11.