As visitas adaptaranse aos intereses das persoas solicitantes en canto ao día, horario e percorrido.
O Concello de Boqueixón vén de poñer en marcha “Descubre Boqueixón”, un programa de visitas guiadas de balde a distintos puntos de interese turístico do municipio. “Con esta iniciativa queremos achegar á xente o noso patrimonio natural, histórico e cultural ao público, ao tempo que buscamos dar a coñecer e poñer en valor recursos como o Pico Sacro, o Centro de Interpretación, Ponte Ledesma e as Ínsuas de Gres”, explica o alcalde, Manuel Fernández Munín.
“Estas visitas guiadas gratuítas correrán a cargo dun técnico de Turismo do Concello de Boqueixón e poderanse realizar calquera día da semana”, concreta o rexedor. O percorrido da visita será acordado co Departamento de Turismo, podendo combinar os distintos recursos turísticos ou incluír tamén algunha ruta de sendeirismo como o dos Pescadores ou de subida ao Pico Sacro.
Por motivos de organización, é imprescindible que as persoas interesadas en participar fagan unha solicitude previa ao Departamento de Turismo a través do e-mail boqueixonturismo@gmail.com ou do teléfono 981 513 061. En todo caso, durante o desenvolvemento da actividade será preciso respectar as medidas hixiénico-sanitarias fronte á Covid. Así, será obrigatorio o uso da máscara, o mantemento da distancia de seguridade e a limpeza de mans.