As actuacións inclúen a humanización e urbanización das zonas
A concelleira de Comercio, Mercados e Barrios, Diana Cabanas, anunciou esta tarde durante a sesión plenaria que o Concello iniciará en outono as obras de reforma integral da rede de saneamento dos núcleos de Bens e Comeanda por un importe de 1,1 millón de euros. Trátase, apuntou Cabanas, do maior investimento no núcleo de Bens nos últimos anos. As actuacións, explicou Cabanas, responden ás peticións da asociación de veciños do barrio que lle trasladou ao concelleiro de Urbanismo durante unha visita.
Para a alcaldesa, dixo a concelleira, os barrios son unha prioridade, e o obxectivo do Goberno local é dotar de rede de saneamento aos núcleos tradicionais da cidade e levar a cabo un mantemento óptimo das instalacións necesarias para a correcta condución das augas residuais e o seu tratamento.
Os traballos en Bens e Comeanda consisten na construción dunha rede separativa que permitirá a recollida, por unha banda, das augas de tipo residual e, por outra, das augas pluviais. Ademais, aproveitando que as obras na rede obrigan a levantar toda a calzada, o Concello urbanizará e humanizará ambos os núcleos creando pequenas zonas verdes e de lecer. Tamén se mellorará o estado do pavimento da rúa.
Cabanas avanzou durante a súa intervención que dentro do plan de obras para estes núcleos tradicionais tamén está previsto a reurbanización do Camiño de Mazaido, que comezará a finais do verán, e a mellora da pista deportiva cunha reforma que inclúe nova iluminación. e melloras na seguridade do equipamento