A Xunta ampliou este ano ata os 3,7 millóns de euros as axudas para reducir os custos enerxéticos e para mellorar a competitividade de explotacións como a visitada hoxe en Frades
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá a finca Canedo (Frades), unha das beneficiarias, o ano pasado, polo conxunto de axudas que puxo a Xunta a disposición do sector agrícola co obxectivo de impulsar a eficiencia enerxética e tamén o uso das enerxías renovables nas explotacións agropecuarias galegas. Os apoios permitiron que 13 granxas da comarca recibiran no 2020 máis de 180.000 euros. En Frades contaron con estas achegas 4 granxas por un importe total de máis de 76.000 euros.
Trenor estivo acompañado na súa visita polo alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez; e o concelleiro de Medio Rural, Manuel Ferreiro; así como polos propietarios da finca Canedo, José Luís Carro e Beatriz Méndez. O delegado da Xunta informou que a convocatoria deste ano contou cunha ampliación ata os 3,7 millóns de euros co obxectivo de atender un maior número de solicitudes. Esta ampliación permitiu apoiar un total de 420 proxectos. En concreto destaca a fotovoltaica con 386 iniciativas, seguido da biomasa con 10 proxectos, sete actuacións de minieólica, tres bombas de calor xeotérmicas e outras tres de aerotermia, ademais de 11 proxectos de aforro e eficiencia enerxética.
A novidade desta convocatoria foi a de fomentar as axudas en explotacións agrarias que carecesen delas e nas situadas en zonas economicamente menos favorecidas, para o que se tiveron en conta os datos do IGE da renda dispoñible bruta por habitante dos concellos galegos. A Xunta convocou por primeira vez en 2017 esta liña específica de proxectos renovables para este sector e, desde entón e contando con esta convocatoria, son xa preto de 1.000 iniciativas con axudas de case 11,5 millóns de euros en toda Galicia.
Pola súa banda, o alcalde de Frades destacou que “catro granxas de Frades, tres da parroquia de Abellá, contaron con estas axudas en 2020 e temos constancia de que cando menos unha ducia máis as solicitaron para este 2021 xa que achegan importantes aforros na factura eléctrica, como vimos de comprobar nesta finca Canedo”.
Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética
A Xunta, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, conta tamén cun total de 1,67 millóns de euros procedentes do Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética que se destinarán a unha convocatoria de apoio á implantación de tecnoloxía eficiente nas explotacións agropecuarias que reduza o consumo inicial en polo menos un 10%.
As axudas, de concorrencia non competitiva, poden destinarse á mellora da eficiencia enerxética das instalacións de regadío –substitución de grupo de bombeo por outros máis eficientes desde o punto de vista enerxético; implantación de variadores de frecuencia e arrancadores estáticos; implantación ou modernización de sistemas de regulación, control e monitoraxe da rede de rega; ou instalación e substitución de baterías de condensadores nas estacións de bombeo, por exemplo–. Agárdase apoiar ao redor de 60 actuacións.
Tamén se poden utilizar para a mellora enerxética e uso de enerxías renovables nas explotacións, como por exemplo actuacións sobre a envolvente térmica; nas instalacións térmicas de calefacción, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria; substitución da enerxía convencional en instalacións térmicas por enerxías renovables térmicas; ou a reforma ou substitución de instalación de iluminación interior e exterior, entre outras.
A axuda máxima por proxecto será de 1 millón de euros e poderán optar a elas tanto as persoas físicas como xurídicas titulares dunha explotación gandeira; as comunidades de regadores e outras organizacións; os titulares de explotacións agrícolas de regadío; organizacións ou asociacións de produtores agrícolas; comunidades de enerxías renovables e comunidades cidadás de enerxía; así como empresas de servizos enerxéticos.
Con estas liñas de axudas o Goberno galego, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) pretende seguir fomentando os investimentos en proxectos de aforro enerxético no sector agropecuario, así como impulsar o uso de enerxías renovables. Deste xeito, redúcense os custos enerxéticos mellorando a competitividade deste tipo de explotacións á vez que diminúe o consumo de enerxías convencionais, o que aumenta a eficiencia enerxética e a mellora medioambiental das áreas rurais. Así tamén se contribúe á revitalización do ámbito rural e do sector agrícola primario, un dos seus principais motores económicos.