Saturday 16 de November de 2024

O acordo da Corporación permitirá ampliar o CITIC no Campus de Elviña


Concello e Universidade realizarán melloras de accesibilidade nos campus de Riazor e da Zapateira

O Pleno aprobou hoxe de maneira definitiva o estudo de detalle para ampliar o edificio do Centro de Investigación Tecnolóxica da Información e das Comunicacións (CITIC) no Campus de Elviña promovido pola Universidade da Coruña, UDC. A ampliación realizarase no patio existente entre ambos os dous edificios existentes e estará destinado a laboratorios e espazos comúns. O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, sinalou que o estudo conta cos perceptivos informes sectoriais do ADIF, do Estado e da Dirección Xeral de Aviación Civil. “A ampliación serve para mellorar as capacidades do CITIC e, polo tanto, as capacidades investigadoras deste importante centro de referencia en materia de novas tecnoloxías da Universidade da Coruña”, sentenciou.

Por outra banda, Concello e Universidade colaborarán na posta en marcha de dúas actuacións urbanísticas no ámbito dos campus universitarios. O acordo está recollido no incremento dos convenios nominativos aprobado esta mañá na sesión plenaria.

Levaranse a cabo obras de mellora da accesibilidade na contorna do Espazo de Intervención Cultural da Universidade, Normal. Os traballos consistirán na reposición do pavimento e o derribo do peche do edificio. Esta obra segue o plan de apertura  deste campus iniciado coa demolición do peche do CUR e a apertura do xardín á cidadanía. No caso do edificio de Normal substituirase o actual peche perimetral por unha ringleira de bancos e arborado, para humanizar e ofrecer á cidadanía un espazo máis amable.

A esta actuación sumaranse as obras para urbanizar a contorna da Escola Técnica Superior de Arquitectura e a Facultade de Ciencias co fin de garantir unha mellor accesibilidade. Trátase do acondicionamento de infraestruturas viarias do campus de Elviña- Zapateira situadas na rúa Fraga e que se atopan moi deterioradas polo uso.

Os traballos realizaranse en dúas fases. Os traballos terán lugar no tramo da rúa que vai do campus de Elviña ao campus da Zapateira. Ademais de facer unha reparación integral da vía aproveitarase a obra para incluír un tramo de carril bici que una os dous campus. Este viario sobre todo no tramo da praza da Zapateira, está moi deteriorado polo que é necesaria esta intervención entre as dúas administracións para mellorar o firme e dotar de maior seguridade á zona.

As obras, que teñen un orzamento de 120.000 euros, executaranse no verán para alterar o menos posible o tráfico, no caso do viario de Elviña á Zapateira, e a actividade académica do colexio adxacente ao edificio Normal e garantir a seguridade das persoas usuarias do centro escolar.

Por outra banda, a Corporación deulle luz verde os axustes e modificacións orzamentarias e contables do cadro de mando da Estratexia DUSI da Coruña para xestionar o proxectos EidusCoruña. Os cambios, explicou o voceiro do Goberno local, veñen impostos por un cambio de criterios do organismo intermedio de xestión dos EDUSI. “Non supón un cambio orzamentario, nin perda de proxectos, tan só unha nova organización das liñas de actuación”, dixo Lage, que lembrou que o Goberno local licitará en breve preto de 4,3 millóns de euros en novas actuacións. Ademais, crearase unha comisión especial de seguimento do plan Edusi, que se reunirá polo menos dúas veces ao ano.