Dotado con 6.260.000 euros, entrará en vigor este mesmo verán
O Concello destinará 4 millóns de euros a 2.000 axudas directas
Acordo para incrementar os convenios nominativos en 2,4 millóns, ata chegar aos 8,7 millóns, a maior cifra na historia da administración
O pleno aprobou por unanimidade o segundo Plan de Reactivación Económica e Social do Concello da Coruña (Presco), despois da posta en marcha do primeiro o ano pasado. O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas, subliñou a aposta decidida da alcaldesa, Inés Rey, por poñer en marcha investimentos que contribúan a facilitar a saída da crise xerada pola pandemia. O
voceiro do goberno local destacou tamén a capacidade dos grupos de chegar de novo a acordos en temas centrais para a cidade, e agradeceu as achegas presentadas por Marea Atlántica, BNG, PP e Non Adscritos ao texto final, que permitirá poñer en marcha o Presco este mesmo verán. “Este Concello foi pioneiro en Galicia, e dos primeiros de España, en contar o ano pasado cun plan de recuperación. Fomos tamén o Concello galego que foi máis lonxe nas súas aportacións económicas, á cabeza de España tamén fóra das grandes cidades”, explicou Lage Tuñas. Dotado con 6.260.000 euros, destinará 4 millóns a 2.000 axudas directas que as persoas autónomas e micropemes poderán solicitar só cunha
declaración responsable. “Mais 20 millóns de euros, sen contar os convenios nominativos, non é unha cantidade menor. Ningún Goberno nas últimas décadas afrontou neste Concello un investimento de dita magnitude”, indicou Lage Tuñas.
A alcaldesa, Inés Rey, agradeceu “a todos os partidos da oposición as súas aportacións en positivo que contribuíron a mellorar o plan” agora xa aprobado. Rey subliñou o alto grado de acordos alcanzados na corporación, con 114 asuntos debatidos nos plenos e 113 aprobados, 46 deles por unanimidade. O consenso é, explicou, froito do diálogo entre as partes, e agradeceu á oposición o seu apoio en asuntos relevantes para a cidade.
A mesma unanimidade acadouse no modificativo que permitirá aumentar en 2,4 millóns de euros as achegas ás entidades sociais, culturais e deportivas da cidade. A partida destinada aos convenios nominativos sube así ata os 8,7 millóns de euros, a máis alta destinada nunca no Concello da Coruña a tal fin. O voceiro do goberno local destacou o firme compromiso de Inés Rey co tecido asociativo da cidade e agradeceu de novo aos grupos a capacidade demostrada por todos de chegar a acordos en beneficio da cidade.
O incremento dos convenios, explicou Lage Tuñas, súmase así ao plan de recuperación para dotar tamén ao cuarto sector de recursos suficientes cos que facer fronte ao impacto da pandemia.
Lage Tuñas recordou tamén que todas as medidas postas en marcha polo Concello acometéronse con recursos propios, sen ningunha aportación autonómica malia contar a Xunta, dixo, co maior orzamento da súa historia precisamente polos fondos extraordinarios recibidos para facer fronte á pandemia.
Novo Presco
O novo Presco vertébrase a través de tres eixos principais, social, económico e cultural.
Eixo social:
Dotado con 600.000 euros, dos que 300.000 de destinarán a reforzar as partidas da Renda Social Municipal e das Axudas de Emerxencia Social; 150.000 euros serán para a programa de canguraxe, e 150.000 euros máis para programas de acompañamento de maiores.
Destínanse tamén 250.000 euros para promover políticas de inserción laboral con incentivos de ata 2.500 euros para a contratación de persoas desempregadas, especialmente mozos e mozas, mulleres, e parados de longa duración.
Eixo económico:
Destínanse 4.000.000 de euros, cun máximo de 2.000 euros por solicitante (autónomos e micropemes), para axudas directas para o pago da Seguridade Social, cotas empresariais e alugueres.
Plans de bonos (985.000 euros):
• Bono 10 para o pequeno comercio: Descontos de 10 euros por cada 30 de compra ata un máximo de 30 euros por persoa. 400.000 euros
• Bono hostalaría: Desconto do 40% desde 10 de euros de consumo ata un máximo de 15 euros por persoa. 200.000 euros.
• Bono salóns de peiteado e estética: Descontos do 30 % desde 20 euros de compra ata un máximo de 20 euros por persoa. 100.000 euros.
• Bono Mobilidade (Taxi): Descontos do 30% desde 6 euros de compra. Máximo 10 euros por persoa. 50.000 euros.
• Bono Cultura: Descontos do 30% desde 10 euros de compra. Ata 60 euros por persoa. 235.000 euros.
Así, o orzamento total nos plans de bonos chega aos 985.000 euros. Cada persoa poderá dispoñer dun máximo de 135 euros, cantidade que aportará o Concello para un gasto total aproximado de 430 euros.
Os bonos terán validez desde o 1 de setembro ata o fin de novembro, escollendo dita data de comercio para non solaparse con outras campañas de promoción do comercio que están a levar a cabo outras Administracións.
Eixo cultural:
No plano cultural destínanse 120.000 euros ao programa de bolsas para a creación artística, e haberá unha programación especial de actividades culturais que afrontará o IMCE. A estas liña hai que sumar o citado bono cultural que se poderá gastar en todas as industrias culturais da cidade.
Ademais, destínanse 50.000 euros itinerarios formativos que fomenten o emprego.
Finalmente, o Presco inclúe tamén 30.000 euros para o mantemento do mapping de locais comerciais baleiros en aluguer, 50.000 euros para a creación do Consello Económico e Social, órgano interlocutor entre o Concello e os axentes económicos e sociais, e 175.000 para a xestión dos distintos plans