― Na convocatoria deste ano inclúense 17 parques industriais xestionados polo IGVS nos que se porán a disposición un total de 116 parcelas urbanizadas
― O responsable autonómico anuncia que a revisión do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais promovida pola Xunta introducirá cambios substanciais respecto ao futuro desenvolvemento do parque da Raña, que se ampliará en case 70.000 m2
O Diario Oficial de Galicia publicará mañá a resolución pola que se anuncia un novo concurso de venda de solo empresarial con bonificacións de ata o 50% nos parques que xestiona o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS). Serán en total 116 parcelas que suman unha superficie de preto de 282.000 metros cadrados e se distribúen en 17 polígonos.
Así o avanzou hoxe o director do IGVS, Heriberto García, durante unha visita ao parque empresarial da Raña, no Barco de Valdeorras, na que estivo acompañado polo rexedor municipal, Alfredo García, e representantes de dúas asociacións de empresarios da zona aos que lles anunciou que a Xunta ofertará neste polígono 13 parcelas con case 37.600 m2 e un desconto sobre o prezo de venda do 50%.
Cómpre subliñar que este é o segundo concurso que convoca o Goberno galego este ano co fin de mobilizar o solo industrial que ten dispoñible nos seus parques e facilitarlles así ás empresas que queiran asentarse na Comunidade ou ampliar as súas instalacións, terreos urbanizados e en localizacións axeitadas ás súas necesidades.
Neste sentido, Heriberto García explicou que, ao igual que no concurso convocado en marzo por Xestur, as parcelas que o IGVS sacará á venda mañá terán un desconto do 30% ou do 50%, dependendo da súa localización. Así, o importe total das bonificacións que ofrece a Xunta para adquirir estas 116 parcelas ascende a 5,76 millóns de euros.
En caso de que algún dos terreos dispoñibles non se venda no marco do concurso, aclarou que o IGVS poderá adxudicalos de forma directa e respectando sempre as condicións orixinais ou ben asignalos na modalidade de dereito de superficie, é dicir, a cambio do pagamento dun canon anual moi reducido con opción de compra.
Así mesmo, o director do IGVS aproveitou a súa visita para explicarlles aos representantes do Concello e dos tecido empresarial local que a modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (PSOAEG) traerá novidades importantes para o municipio. Así, tras indicar que esta será a segunda revisión que acometa a Xunta deste documento de planificación aprobado en 2014, Heriberto García explicou que os cambios afectarán de forma directa ou indirecta ao desenvolvemento industrial de 22 municipios, entre eles O Barco, que sufrirá unha modificación “substancial” do seu parque, que se traducirá en case 70.000 m2 máis de superficie cara ao sur.
En concreto, no novo PSOAEG eliminaranse as fases IV e V do polígono da Raña —cun total de 118.866 m2 e localizadas en zonas inundables— ao tempo que se incorporarán novos terreos noutro ámbito. Como resultado destes cambios, o parque empresarial sufrirá unha ampliación xa que a nova superficie prevista será de 186.912,45 m2.