Friday 22 de November de 2024

O Concello de Ordes abre o prazo de inscrición para participar no seu Circuíto cultural e deportivo


De marzo a xuño poderase asistir a cursos de cociña, baile, plantas medicinais, deseño e elaboración de bixutería, fotografía ou informática entre outros

O Concello de Ordes xa ten organizados os cursos que formarán parte do seu Circuíto cultural e deportivo que se desenvolverá durante os meses de marzo, abril, maio e xuño. Nesta convocatoria ofrécense obradoiros de cociña (nivel iniciación e avanzado); obradoiros de cociña infantís (a partir de 8 anos); baile moderno (a partir de 12 anos); baile en liña infantil (de 7 a 11 anos); bailes en liña para adultos; bailes de salón (iniciación e continuación); plantas medicinais; deseño e elaboración de bixutería; iniciación á fotografía e informática, ofimática e Internet (niveis I e II).
Os prezos por curso oscilan entre os 9 e os 54 euros segundo a súa duración. Ademais tamén haberá descontos para persoas que teñan recoñecida unha discapacidade a partir do 33%, para persoas maiores de 65 anos ou integrantes de familias numerosas. As clases terán lugar na casa da cultura e no local cultural os martes, xoves, venres e sábados segundo o curso. Iso si, sempre en horario de tarde e noite para poder compatibilizalo coa vida laboral, agás os cursos de informática, ofimática e Internet, que terán lugar na aula de informática os sábados a partir das 9.30 horas.
O prazo de inscrición para poder participar nalgunha destas actividades abrirase o vindeiro luns día 16 e rematará o mércores 25 de febreiro. Para iso hai que acudir ao departamento de Cultura e Deporte municipal de 9 a 14 horas. Para máis información pódese solicitar no 981680002.