Friday 22 de November de 2024

O Concello de Fene completa a reurbanización da rúa Alcalde Gerardo Díaz


Tras varias semanas de traballo da empresa adxudicataria, o Concello de Fene recepcionou este mércores as obras de pavimentación e mellora de servizos na rúa Alcalde Gerardo Díaz, entre o Camiño do Inferniño e a Rúa Travesa, que supoñen un investimento próximo aos 170.000 euros sufragados con cargo ao POS 2020. Neste eixo duns 320 metros de lonxitude substituíronse canalizacións soterradas do abastecemento, do saneamento e de liñas eléctricas e telefónicas, ademais de botarlle unha nova capa de rodadura similar á dos dous treitos da rúa reparados en anos anteriores. De feito, con esta intervención quedou listo todo o seu trazado, paso obrigado dos peregrinos e peregrinas que percorren o Camiño Inglés.

A coincidencia da ruta xacobea requiriu solicitar informes previos de Patrimonio, razón pola que a licitación e inicio das obras se demoraron algo máis do habitual. Ademais, na demora tamén tivo que ver a propia complexidade do proxecto, que comprendeu tanto a renovación do firme como a reordenación subterránea de todas as conducións e acometidas da rede sanitaria e de abastecemento municipal, xunto coa baixada de liñas eléctricas e telefónicas.

Por outra banda, a rúa discorre por unha das tramas urbanas máis antigas de Fene, con vivendas en ambas marxes con distintas separacións e, polo tanto, cun ancho medio irregular que complicou aínda máis a busca de solucións técnicas para as melloras, que contaron co acordo maioritario coa veciñanza. O Concello só atopou un caso de oposición ás obras, que se cinguiron escrupulosamente á planimetría catastral e urbanística, razón pola que foi necesario cortar unha sebe que, tal e como sinalan os informes técnicos, estaba invadindo desde hai anos parte do dominio público.

Á licitación do contrato presentáronse unha vintena de empresas. Finalmente foi a construtora González & González quen se encargou de levalo a cabo cunha proposta económica de 169.642 euros, ive incluído.

Coa sinatura da acta de recepción das obras rematan os traballos de reparación de Alcalde Gerardo Díaz, que o Concello executou en tres fases, as dúas primeiras -en tramos de 100 m cada unha- desde a conexión coa Rúa da Fraga, e esta última, de 320 metros, que enlaza coa Rúa Travesa e desde alí até Mundín e a zona de Santa Ana, tamén reparadas recentemente con aglomerado e cunetas adaptadas para o tránsito peonil.

Complétase así a reparación e a mellora da seguridade en case 1,5 quilómetros da rede viaria municipal, ademais do adecentamento dun dos tramos do Camiño Inglés ao seu paso por Fene.