O Concello tamén ofrece a partir do luns no local social de Lamas un obradoiro de decoración de espazos públicos dirixido á rapazada de 7 a 12 anos
O ximnasio do CPI San Sadurniño é toda unha algarabía desde o xoves pasado. Alí pasan as mañás aprendendo e xogando preto dunha trintena de nenas e nenos de dentro e fóra de San Sadurniño que acoden á edición deste ano da Aldea de verán. O programa de lecer e conciliación proponlles unha chea de actividades no que será o seu punto de encontro durante todo este mes, en espera de que o tempo asente para poderen saír fóra e mesmo facer excursións máis lonxe. Como en anos pasados, a Aldea de verán ten tras de si un programa horario pensado para que a mañá pase voando e para que dea tempo a facer de todo, aínda que seguindo unha planificación previa de contidos ao redor da empatía, do respecto e doutros valores básicos para a educación infantil. En agosto desenvolverase a segunda quenda da Aldea. As familias teñen até o día 15 deste mes para solicitar praza.
O programa deste ano estrutúrase en varios bloques temáticos: deporte -patinaxe, hóquei, volei, tiro con arco…-, novas tecnoloxías -robótica, pilotaxe de drons, modelado e impresión 3D-, patrimonio e natureza -rutas pola zona, horta, coñecemento dos elementos patrimoniais, etc.- e lingua e cultura, no que se traballará dun xeito moi entretido ao redor dos oficios, o teatro, o uso do galego ou a música.
No catálogo de propostas semanais tamén se inclúe brincar coa auga, organizar xogos cooperativos e actividades que fomenten a creatividade artística, a reciclaxe e outras actividades que fagan da Aldea de verán un espazo moi animado.
A Aldea dálle forma a todo o anterior enfiándoo como se fose un xogo. Unhas veces a rapazada converterase nun grupo de piratas, outras explorarán o Espazo Exterior, e así ao longo dunha xornada ou durante varios días en que pintarán, reciclarán, escribirán contos, etc. E, mentres tanto, case sen decatarse, estarán interiorizando cousas tan fundamentais como a perspectiva de xénero, a empatía, a comunicación, a cooperación ou a asertividade.
As nenas e nenos -todos eles e elas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos- teñen distintos horarios segundo as preferencias expresadas polas familias. Os máis madrugadores entraran ás 8.30h e os demais inician a mañá a iso das 9.30 h, rematando en ambos casos ás 14.30 h. Estas dúas opcións serán as que se apliquen de cara á quenda de agosto, que pode solicitarse até o 15 de xullo. A metade das prazas dispoñibles están xa adxudicadas a familias de San Sadurniño, que puideron facer a reserva durante o primeiro prazo de solicitude aberto en xuño.
“Debullando Cores” en Lamas
Ademais deste programa da área de Igualdade, a de Cultura tamén propón “Debullando cores” para promover a expresión artística da rapazada de 7 a 12 anos que non asista á Aldea. Esta actividade estará dirixida por Paula Aneiros e consistirá nun obradoiro ao aire libre durante varias xornadas no que as cativas e cativos deseñarán e decorarán un espazo público baixo a supervisión da artista de Santa Mariña.
No verán pasado -o primeiro en que se levou a cabo o Debullando…- fixéronse dous murais en Igrexafeita e Santa Mariña. O luns que vén, 12 de xullo, comezará o de Lamas e, xa en agosto, tocaralle a vez a Naraío.
En Lamas prepararanse distintas figuras para poñer diante do local social de San Xiao. Fai falla inscrición previa no 616 332 919. A actividade desenvolverase polas mañás coas nenas e nenos repartidos en dúas quendas.