Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Oroso construirá un local social para a veciñanza de Porto Avieira


Manuel Mirás acepta as peticións de melloras na seguridade viaria na urbanización realizadas polos veciños e anuncia nova sinalización e a colocación de pasos elevados nas avenidas Castelao e María Casares

O Concello de Oroso vai construír un local social na urbanización de Porto Avieira (Gándara) para o uso e disfrute da veciñanza. Así o anunciou o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, aos veciños e veciñas participantes nos “Encontros co alcalde” que, precisamente, tiveron que desprazarse ata o local social de Gándara ao non existir local na propia urbanización.

“Somos conscientes das necesidades que hai na urbanización, como facer un local social”, indicou Manuel Mirás, quen adiantou que “está previsto e estamos buscando o financiamento, polo que espero que nun par de anos poida estar en marcha”. O alcalde orosán aproveitou a ocasión para explicarlles aos veciños e veciñas a situación da urbanización, logo da súa recepción polo Concello de Oroso que puxo fin a máis dunha década de problemas.

“A urbanización está recibida e non hai ningunha inseguridade xurídica”, indicou Mirás Franqueira, quen tamén lembrou que o Concello xa fixo unha modificación do PXOM para facilitar o desenvolvemento desta zona. Ademais, adiantoulles aos veciños que o Concello vai poñer en valor a zona da mina romada das Grobias, unha vez recibido o permiso de Patrimonio, e que adaptará o talude existente para que non revista perigo ningún.

Seguridade viaria

Tras uns cinco minutos de exposición, o alcalde abriu un tempo de diálogo coa veciñanza no que os veciños e veciñas de Porto Avieira estiveron expoñendo as súas peticións e resolvendo as súas dúbidas durante algo máis de hora e media. Máis do 75% das peticións estaban relacionadas coa seguridade viaria na urbanización, ben por cuestións de sinalización, velocidade ou iluminación.

Tras escoitar e tomar nota das peticións, Manuel Mirás comprometeuse a instalar redutores de velocidade nas dúas avenidas de entrada/saída da urbanización (María Casares e Alfonso Rodríguez Castelao). “Sei que non son do agrado de todo o mundo e que en Sigüeiro tiven que aguantar moitas queixas ao principio, pero non podíamos permitir que o centro da vila se convertera nunha pista de carreiras. E despois dun tempo os veciños entenderon que era necesario. É unha pena ter que poñelas pero non hai outra maneira. E un alcalde está para facer cousas pero tamén para tomar a mellor decisión para a veciñanza, aínda que non sexa unha medida popular”, indicou Mirás Franqueira.

Uso do Liña Verde

Así mesmo, o alcalde orosán explicou que o alumeado da urbanización, como o de outras zonas do municipio, irase cambiando progresivamente a LED, pois supón un importante aforro no consumo eléctrico que comporta beneficios tanto económicos como medioambientais. Ademais, comprometeuse a actuar o antes posible en cuestións de sinalización horizontal e vertical na urbanización. Así, por exemplo, os veciños queixáronse da ausencia dunha sinal de prohibido xirar cara unha rúa de dirección prohibida, o que fai que algúns condutores inicien o xiro e se atopen coa imposibilidade de completalo.

Pese a comprometerse a arranxar a situación o antes posible, Mirás aproveitou a ocasión para lembrarlles aos veciños e veciñas de Porto Avieira a existencia do servizo Liña Verde, co cal poden dar conta de xeito inmediato ao Concello deste tipo de circunstancias. “E o Concello ten o compromiso de darlle unha rápida solución a estas cuestións”, explicou o alcalde orosán.

Finalmente, o alcalde orosán tamén se comprometeu a poñer en valor a ruta de sendeirismo que parte de Porto Avieira, en desuso pola caída dunha pequena ponte; a darlle unha solución no futuro ás actuais beirarrúas, demasiado estreitas nalgúns puntos; e a poñer sinalización de zona libre de cans no parque infantil e na zona deportiva. “Sen embargo, xa vos digo que o das deposicións dos cans é un problema moi complicado, pois depende máis da educación que cada propietario lle dea á súa mascota. E hai quen o fai ben e que non o fai”, lamentou o alcalde.