Friday 22 de November de 2024

Catro ocasións para coñece-lo labor marisqueiro a pé da praia


A Concellaría do Turismo da Pobra do Caramiñal e a Asociación Mar da Pobra ofrecen novamente, para este verán, as xornadas de turismo mariñeiro, as cales terán lugar nos días 9 e 23 de xullo (esta última enmarcada na Semana do Mar) e 6 e 20 de agosto. Dividiranse entre a praia dos Areos e a dos Raposiños e forman unha experiencia cunha duración de noventa minutos durante os cales as persoas participantes coñecerán o labor que desenvolven as mariscadoras, así como os bivalvos que atesouran os areais do municipio.

A concelleira do Turismo, Charo Varela (Nós Pobra), manifestou que se “aposta por poñer en valor o patrimonio mariñeiro como unha oferta turística e un produto que queremos poñer á disposición de tódalas persoas que descoñecen o traballo marisqueiro.” Neste senso, fixo fincapé en que “poñer en valor o mar é poñer en valor A Pobra, o produto que temos na ría da Arousa e a xente do mar.”

Pola súa parte, a técnica municipal desta área, Sara Sánchez, sinalou que se trata dunha das actividades turísticas que ten maior acollida e “tamén das que crea maior satisfacción nos visitantes, pois é unha actividade que nos diferencia moito.”

Por último, Rosa Millán, presidenta da Asociación Mar da Pobra, declarou que con este tipo de iniciativas buscan poñer en valor o seu traballo, ademais de que “nos resulta moi satisfactorio ver como a xente que vén se interesa polo que facemos.”

As reservas pódense formalizar no punto de información turística-situado na Casa Mariñeira-, a través dos teléfonos de contacto 671090262 e 687482835, ou mediante o enderezo electrónico turismo@apobra.gal. O prezo estipúlase en 12 euros para as persoas adultas e de balde para nenos e nenas menores de 10 anos. O punto de encontro establécese na propia oficina do turismo.