Nesta xornada presentouse o Itinerario de cualificación na ocupación de limpeza, conservación e mantemento urbano que se desenvolverá no municipio da Pobra do Caramiñal entre o día 9 de agosto e o 21 de outubro, para o cal se oferta un total de 12 prazas. Segundo explicou a concelleira do Desenvolvemento Local, Amparo Cerecedo (BNG), este proxecto ten por obxecto o “emprego xuvenil, sobre todo, naqueles concellos onde o saldo demográfico é negativo.”
Doutra banda, Marisa Estalote, como técnica externa, manifestou que a finalidade “vai se-la inserción das persoas mozas e pretende centrarse na experiencia práctica.” E a orientadora laboral do Concello, Blanca Álvarez, animou a xente nova a participar, pois “non é un único curso, senón que se trata dun itinerario formativo no que non só van adquirir competencias relacionadas cunha ocupación, senón tamén directamente coa busca de emprego e emprendemento.”
Esta acción consta dun total de 300 horas lectivas, de luns a venres, en horario de 09.00 a 15.00 horas. Os módulos que o integran son: albanelaría e obra civil, limpeza industrial e urbana, xardinaría, arte urbana, emprendemento e coaching. As prácticas desenvolveranse en diferentes lugares do concello que garden relación coas competencias impartidas. Ademais, haberá unha bolsa de participación de 13 euros diarios por xornada de asistencia.
As persoas aspirantes deberán reunir unha serie de requisitos, entre eles, ter entre 16 e 30 anos de idade; te-la nacionalidade española ou algunha outra que permita o acceso ó emprego público; estar de alta como demandante de emprego; estar empadroado/a no concello pobrense; e estar rexistrado/a no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.
O prazo de presentación de solicitudes nesta acción formativa será de cinco días hábiles dende o día 8 de xullo. Entregaranse no rexistro xeral do Concello, en horario de 09.00 a 14.00 horas, ou a través da sede electrónica municipal. Toda a información detallada está á disposición no taboleiro de anuncios, na referida sede electrónica e no propio rexistro. Para resolver dúbidas poden contactar co Servizo de Orientación Laboral a través do teléfono 981377610.
A dita operación recibe unha concesión directa de subvencións a entidades locais para o financiamento de proxectos de emprego, autoemprego e emprendemento colectivo, ó abeiro do Real decreto 1234/2018, de 5 de outubro, do Ministerio da Política Territorial e da Función Pública, dirixidas a afronta-lo reto demográfico nos municipios de menor poboación, no marco do Programa operativo de emprego xuvenil do Fondo Social Europeo (axudas EMP-POEJ). Así, dos 50 200 euros, o Fondo Social Europeo proporciona arredor de 46 000 euros.