Monday 25 de November de 2024

O Concello de Padrón distinguirá a Xesús Palmou, director da Academia Xacobea, como Peregrino de Honra


O Día do Peregrino terá lugar o 24 de xullo e incluirá a misa na Igrexa parroquial de Santiago e unha visita guiada teatralizada con Suso Martínez desde a Igrexa de Santa María a Maior (Iria Flavia) ata Padrón

O Concello de Padrón distinguirá a Xesús Palmou, director da Academia Xacobea, como Peregrino de Honra no transcurso dun acto que terá lugar o próximo sábado 24 de xullo, ás 13:30 horas, na Igrexa parroquial de Santiago. O alcalde de Padrón, Antonio Fernández, será o encargado de entregarlle o cuarto galardón “Padrón, Berce do Xacobeo”, dentro do programa de actividades do Día do Peregrino.

“Trátase dun premio que entregamos cada ano a unha persoa de relevancia, que fará de embaixador padronés e do noso Camiño aló por onde vaia durante o próximo ano”, explica Antonio Fernández. O “Padrón, Berce do Xacobeo” é un galardón creado no ano 2017 polo Concello de Padrón para homenaxear a figura do peregrino, en xeral, personificado nunha figura relacionada co Camiño. Así, nas tres edicións anteriores foron distinguidos o locutor radiofónico Pepe Domingo Castaño, o estudoso do Camiño Manuel Garrido e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Visita teatralizada

Os actos de conmemoración do Día do Peregrino comezarán ás 12:00 horas co “Chronicón Iriense”, unha visita teatralizada da man do actor Suso Martínez desde a igrexa de Santa María a Maior de Iria Flavia a Padrón. A participación nesta visita é totalmente de balde, se ben o número de prazas é limitado. Para anotarse hai que chamar ao 656 593 319 ou enviar un correo a turismo@padron.gal. Ademais, durante a xornada haberá un agasallo conmemorativo para peregrinos e peregrinas na Oficina de Turismo e no Albergue Municipal.

Ás 13:00 horas terá lugar a Misa do Peregrino na igrexa parroquial de Santiago de Padrón. Ás 13:30 horas, o alcalde de Padrón fará entrega do galardón “Padrón, Berce do Xacobeo” a Xesús Carlos Palmou Lorenzo, director da Academia Xacobea, como Peregrino de Honra de 2021. Xesús Palmou (Rodeiro, 1949) é un avogado e político español cunha longa traxectoria tanto a nivel local (onde foi concelleiro e tenente de alcalde da Estrada) como autonómico, onde ocupou as Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (1996). Presidente de SOGAMA entre 1996 e 1998, volveu á Consellería de Xustiza do 2003 ao 2005. Medalla do Mérito ao servizo da avogacía, na actualidade preside a Academia Xacobea.