Friday 22 de November de 2024

O Coliséum acollerá os concertos con máis cabida en recintos pechados de Galicia desde o inicio da pandemia


A Dirección Xeral de Saúde Pública autoriza para as actuacións de Pablo López esta fin de semana no recinto herculino un máximo de 1.500 espectadores, o que supón menos dun 18% da capacidade total do recinto

O Coliséum retoma a súa programación habitual esta fin de semana cos concertos do cantante Pablo López, que interpretará no recinto herculino o seu Mayday & Stay Tour os días 9 e 10 de xullo. Serán os concertos con máis cabida, programados en recintos pechados, que se celebrarán en Galicia desde o inicio da pandemia, despois de que a Dirección Xeral de Saúde Pública dera o visto e prace ás condicións organizativas dos concertos que deron pé á solicitude do incremento da capacidade, autorizando como máximo 1.500 espectadores, o que supón menos dun 18% da capacidade total do recinto.

O deste venres será o primeiro concerto no sinfónico desde os dous cheos de Vetusta Morla os pasados 28 e 29 de febreiro de 2020, unhas semanas antes de decretarse o primeiro estado de alarma por mor da pandemia.

Desde o Concello da Coruña sinalan que se trata dun “concerto seguro” xa que se aplicará un protocolo específico deseñado desde o Coliséum para este tipo de eventos, seguindo as indicacións xerais dispostas nas “recomendacións para eventos e actividades multitudinarias no contexto da nova normalidade pola Covid-19 en España”, acordado na Comisión de Saúde Pública do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde. Así, o público permanecerá en todo momento sentado, con máscara e mantendo unha distancia mínima de 1,5 m entre persoas non conviventes. Todas as localidades están numeradas e son nominais, polo que as persoas asistentes deberán identificarse no control de acceso.

O recinto dividirase en tres sectores independentes (500 persoas/sector) con circuítos diferenciados de entrada, saída e acceso aos aseos que garantirán que non se produzan contactos entre o público dos diferentes sectores. Habilitaranse até 15 portas de acceso, cinco por sector, para evitar aglomeracións nos accesos e garantindo a fluidez do tránsito en todo momento. Ademais, o espazo contará cun sistema mecánico de renovación do aire que ofrece unha aireación de boa calidade a máis de 2.200 persoas.

Desde a organización aseguran que non se prestará servizo de comida nin de bebida e tampouco estará permitido o seu consumo durante os espectáculos. Tamén informan de que as condicións de devolución das entradas flexibilizouse co fin de que as persoas que non asistan por estaren en corentena ou que presenten síntomas compatibles coa Covid-19 poidan devolver os tíckets facilmente. O dispositivo de seguridade e atención ao público no Coliséum contará con máis de 100 persoas entre persoal de seguridade privada, control de accesos, acomodación, despacho de billetes, limpeza, persoal sanitario, protección civil e policía.