― O sector agarda superar a ocupación do 2020 e chegar ao millón de visitantes este verán e aos tres millóns en todo o ano
― O vicepresidente primeiro destacou a importancia do seguro coronavirus, imitado por outras autonomías, para reforzar a confianza do viaxeiro
― Alfonso Rueda demanda ao Goberno central que destine a Galicia “o que lle corresponde” no reparto dos fondos turísticos
A Xunta confía nas boas perspectivas turísticas de cara o verán da man da marca Galicia, destino seguro. De feito, o sector agarda chegar superar a ocupación do 2020 e chegar ao millón de visitantes este verán e aos tres millóns en todo o ano.
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, apelou esta mañá ao “sentidiño” e a “non baixar a garda” para que se cumpran as previsións que se deron a coñecer nunha reunión mantida co Clúster Turismo de Galicia na que se valoraron as boas previsións e o alto nivel de reservas que se está a rexistrar en Galicia como resultado das medidas adoptadas, do seu modelo turístico tranquilo e de calidade e de campañas como o seguro coronavirus para reforzar a confianza do viaxeiro.
Nese encontro, o sector manifestou a súa confianza nunha boa temporada que arrancará sobre o 15 de xullo e que se estenderá ata finais de setembro, e na se agarda chegar ao millón de visitantes -un 11% máis que no 2020-, ademais de rematar o ano con tres millóns de turistas. Alfonso Rueda tamén se referiu á rápida recuperación que está a rexistrar o Camiño de Santiago, que contou no mes de xuño con case 15.000 peregrinos –o 70% do total do ano- e que na pasada fin de semana rexistrou a entrega de máis de 3.000 Compostelas, malia o mal tempo.
Nese encontro entre a Xunta e os representantes do sector turístico tamén se perfilaron os obxectivos do Plan Director 2021-23, Galicia destino seguro, un documento que definirá o novo modelo de turismo galego: seguro, sostible e de calidade.
Alfonso Rueda subliñou que Galicia chega ao inicio da temporada cos deberes feitos, pero lamentou que desde o Goberno central non se estea a facer o mesmo apostando polas súas potencialidades turísticas. De feito, a Xunta vén de presentar alegacións ao borrador da Estratexia de Sostenibilidade Turística en Destino ao considerar que os 79,8 millóns que o Goberno central asigna á comunidade autónoma son escasos, e pide 105 millóns, un 24% máis. O vicepresidente primeiro indicou que a Xunta seguirá reclamando o que lle corresponde a Galicia, e máis aínda en plena celebración do Xacobeo.