Friday 22 de November de 2024

Publícase na web da Delegación do Goberno o proxecto do parque eólico Moeche, promovido por ENEL Green Power


A web da Delegación do Goberno en Galicia publicou hoxe a ligazón de descarga de toda a documentación relativa ao Parque Eólico Moeche, promovido por ENEL Green Power nos territorios de Moeche, San Sadurniño, As Somozas e As Pontes. Trátase dun proxecto de 53 MW que, de superar a tramitación, prevé instalar 12 aeroxeradores, tres torres de medición meteorolóxica e as correspondentes infraestruturas eléctricas e de evacuación, ademais de facer camiños, plataformas e outras obras necesarias. O Concello disporá dentro duns días de copias impresas do proxecto para facilitar a consulta pública de cara á presentación de alegacións tan pronto como se publique no BOE a apertura do prazo para facelo. Mentres, este mércores 7 de xullo ás 18.30h terá lugar na Nave do Mercado a segunda xuntanza para informar sobre o despregamento eólico no municipio. Nesta ocasión será un representante de ENEL quen lle explique tanto á veciñanza como ao Concello os detalles sobre este proxecto.

O de Moeche forma parte dun conxunto de parques eólicos proxectados por ENEL nun radio próximo aos 50 quilómetros ao redor das Pontes, co obxectivo de lograr unha potencia instalada de 611 MW coa que abastecer unha planta de produción de hidróxeno que a multinacional tamén quere construír na vila.

Do P.E. Moeche leva falándose semanas, pero non foi ata hoxe cando se fixo pública a documentación sobre o proxecto con detalles ao respecto da situación dos muíños -todos eles de case 200 m de altura-, así como a cartografía relativa a outras afeccións que tería sobre o territorio.

Os documentos están dispoñibles nun apartado web da Área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia. Son o Estudo de Impacto Ambiental (291 MB), a Memoria Arqueolóxica (27.89 MB) e o Proxecto Básico (511 MB), necesarios para formalizar a solicitude de Autorización Administrativa Previa perante o Goberno do Estado por tratarse dun proxecto que supera os 50 MW de potencia instalada.

Malia que a documentación é por fin accesible, de momento non poderán rexistrarse alegacións, posto que para iso deberá publicarse antes o correspondente anuncio no Boletín Oficial do Estado con indicación dos prazos legais para facelo.

Nuns días o Concello disporá dunha copia en papel da documentación para que calquera persoa poida consultala. Ademais, unha vez se publique no BOE a apertura do prazo, o Concello tamén lle proporcionará á veciñanza distintos modelos de alegacións editables que lle faciliten a presentación das súas reclamacións ou obxeccións ao proxecto.

En relación co PE Moeche, desde o Concello lémbrase que este mércores 7 terá lugar na nave do Mercado, ás 18.30 h, unha reunión aberta na que a empresa promotora, ENEL (Ente nazionale per l’energia elettrica) presentará publicamente o proxecto e no que as persoas asistentes poderán preguntar e consultar dúbidas sobre o seu contido.