San Sadurniño acaba de pechar unha intensa fin de semana de actividade que se concentrou, sobre todo, na xornada festiva do venres. Empezou coa actuación no claustro do Convento do Rosario da Xove Banda de Narón, proseguiu pola tarde coa inauguración da mostra “Sentires recortables” de Tamara Painceira e, como cabo de Santa Isabel, o público familiar desfrutou coas cancións de Paco Nogueiras e o seu “Brinca Vai!”. Ademais, o sábado pola mañá un grupo de excursionistas descubríu co xeólogo Fran Canosa como se forman os bolos, as pías e as pedras cabaleiras, tres dos fenómenos máis característicos da paisaxe granítica que fai de fronteira sur do Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal. O ramo a esta fin de semana extralonga púxoselle o domingo pola mañá na Casa do Concello coa entrega dos premios do certame “San Sadurniño en flor”. E o verán non fixo máis que comezar.
E é que para este sábado 10 de xullo -13.30h- volvemos ter unha cita coa música ao pé da capela de San Cristovo, en Ferreira, onde a Xove Banda de Narón repetirá repertorio con motivo das honras ao santo. De feito, o Concello vai levar actuacións desta formación por todas as parroquias ao longo de xullo e agosto.
As seguintes -despois da de San Cristovo- serán o 16 en Lamas co gallo do Carme, o 18 en Santa Mariña na honra da patroa, o 15 de agosto no adro de Naraío como colofón á procesión do San Roque, o 11 de setembro en Bardaos para celebrar a Santa María e o 19 de setembro, final do percorrido no domingo do Viscordel, en Igrexafeita.
Máis xeorrutas
Ao longo do verán tamén teremos máis oportunidades de descubrirmos a xeoloxía granítica do val do Castro e do Forgoselo, a través das dúas xeorrutas que hai programadas para o mércores 11 de agosto ás 16.30h e para o domingo 19 de setembro ás 10.00h. Os itinerarios, dirixidos por Fran Canosa, son de dificultade baixa e ofrecen unha visión didáctica sobre a formación dos ocos que se observan nas pedras, nuns casos por causa da erosión e noutros pola acción química da auga, pero tamén sobre como é posible que grandes rochas queden unhas dacabalo doutras sen que ninguén as colocase desa maneira.
Para participar nas xeorrutas hai que prestarlle atención ao formulario de inscrición, que se activa uns días antes con ata 20 prazas gratuítas.
“Debullando cores” para a cativería
Outras propostas que volven son o programa “Debullando cores” para promover a expresión artística da rapazada de 7 a 12 anos, que poderá plasmar a súa creatividade nun obradoiro dirixido por Paula Aneiros. O luns que vén, 12 de xullo, comezará o de Lamas e, xa en agosto, tocaralle a vez a Naraío. Decoraranse distintos espazos públicos e cómpre inscrición previa no 616 332 919. A actividade desenvolverase polas mañás coas nenas e nenos repartidos en dúas quendas.
Retómase “Á xunta da noite”
Por outra banda, neste resume do que está aínda por vir tamén temos que mencionar o reinicio do programa cultural itinerante “Á xunta da noite” que se viu interrompido o ano pasado pola repunta da pandemia.
Cultura tenlles posto data ás catro citas que faltaban, todas elas en venres e todas a partir das 20.00h: o 30 de xullo no adro da igrexa de Santa Mariña do Monte, o 6 de agosto en Naraío, o 13 de agosto en Silvalonga, o 20 de agosto en Ferreira de Abaixo e o 27 de agosto en San Sadurniño.
Coma o ano pasado, “Á xunta da noite” levará a cada lugar música, maxia e humor ao aire libre, ademais do sorteo de vales para gastar no comercio ou na hostalaría de San Sadurniño. Se chovese instalaríase unha carpa e o aforo estará limitado a un máximo de 100 persoas cada venres -ou o que se autorice nese momento-, polo que será necesario reservar localidades no 616 332 919. Tamén haberá petiscos a bo prezo por se se quere cear ou tomarlle algo ao remate.
Día da Fotografía e Ruta BTT nocturna
O departamento de Cultura tamén volverá celebrar este ano o Día Mundial da Fotografía -19 de agosto- propoñendo unha actividade orientada principalmente á mocidade de ata 18 anos que, posteriormente, se traducirá nunha exposición cos traballos presentados.
Pola súa parte, desde a área de Deportes tamén se traballa na organización da Ruta BTT Nocturna en colaboración con Biela e Chaveta e outros clubes ciclistas da comarca. A data inicial estaba fixada para este venres 9 de xullo, pero hoxe mesmo o Concello decidiu pospoñela para máis adiante en espera de que se poida desenvolver en grupos cun maior número de compoñentes. Proximamente anunciarase a nova data.
Entregados os premios de San Sadurniño en flor
E ata aquí a programación prevista para as próximas semanas, que arrancou de maneira máis ou menos oficial durante esta “finde” de Santa Isabel. En San Sadurniño non houbo festa como tal, pero si actividades coas que vestir o festivo do venres e tamén o domingo.
Así, o propio día 2 ao mediodía tivemos a xa comentada actuación da Xove Banda de Narón, mentres que pola tarde puidemos asistir á inauguración da exposición de collages “Sentires recortables” da artista plástica Tamara Painceira, Tam. Máis dunha vintena de persoas reuníronse na galería do Concello para abrir unha mostra chea de sentimento e poesía visual que se poderá visitar de luns a venres polas mañás até finais de mes.
Trala inauguración, o foco cultural do venres apuntou aos xardíns municipais, onde case se cubriu o aforo da carpa instalada para acoller o “Brinca Vai!” de Paco Nogueiras, dirixido a un público familiar que gozou e cantou temas tan coñecidos como o seu “No Samaín”, o “Rap do Magosto”, “O Entroido move o corpo”, “Porque vén o verán” ou “Meu o mundo é!”.
Por último, o domingo ás 11.00h entregáronse na Casa do Concello os premios do certame “San Sadurniño en flor” deste ano, co que o consistorio propuxo engalanar o territorio coas cores da primavera.
As concellarías de Desenvolvemento local e Cultura agradeceron a elevada participación veciñal nesta segunda edición, así como o esforzo e mimo que puxeron todas as persoas participantes en prepararen as súas composicións florais.
Os premios entregados -35 en total distribuídos en 4 categorías- foron todos lotes de produto local: árbores de Viveiros Gudín, queixos do Casal e de Brigantia, Maruxas de Nata, requeixo de Bardaos e vales canxeables na hostalaría local.
No transcurso do acto tamén houbo palabras de lembranza para David Pena Montero, traballador municipal falecido o venres á idade de 53 anos que foi despedido onte á tarde por familiares e amizades no cemiterio parroquial de Espiñaredo.