· Será mañá, luns 5 de xullo, ás 12.00 h na praza do Concello.
· A concelleira de Igualdade, Begoña Tajes, anima a todos os veciños e veciñas a sumarse para reivindicar xustiza para Samuel, que foi brutalmente asasinado pola súa orientación sexual.
O Concello levará a cabo mañá, luns 5 xullo, unha concentración en repulsa polo asasinato lgtbifóbico cometido o pasado venres na Coruña, e no que lle quitaron a vida a Samuel Luiz, de 24 anos. A concelleira de Igualdade, Begoña Tajes, anima a todos os veciños e veciñas do municipio a sumarse a esta concentración, que terá lugar mañá, ás 12.00 horas, na praza do Concello.
A responsable da área de Igualdade incide en que “non podemos tolerar que, en pleno 2021, a lgtbifobia siga formando parte das nosas vidas. Tocoulle a Samuel pero, por desgraza, isto poderíalle pasar a calquera fillo/a, amigo/a. Por iso, é preciso loitar para erradicar toda a violencia homófoba nas nosas rúas”. Coa concentración de mañá buscará, precisamente, reivindicar xustiza para Samuel co fin de que tales feitos non volvan ocorrer.
Desde o goberno local amosan as súas condolencias e o seu máximo respecto aos familiares, amizades e persoas achegadas de Samuel, que foi brutalmente asasinado pola súa orientación sexual.