A distinción foi recollida esta mañá no centro cultural de Ponte Ledesma por Margarita Vizcaíno Pérez, sobriña do homenaxeado
O Pleno do Concello de Boqueixón, reunido esta mañá en sesión extraordinaria no centro cultural de Ponte Ledesma, fixo entrega da distinción de Fillo Adoptivo de Boqueixón, a título póstumo, a Pedro Pérez Pérez. Unha distinción que recolleu Margarita Vizcaíno Pérez, sobriña do homenaxeado, de mans do alcalde Manuel Fernández Munín.
Un acto no que participaron todos os integrantes da corporación municipal que o pasado mes de maio aprobaron por unanimidade este nomeamento, así como Margarita Vizcaíno Pérez e o seu marido, o deputado autonómico Ovidio Rodeiro, membros da Fundación Pedro Pérez Pérez e veciños e veciñas de Ponte Ledesma.
Manuel Fernández Munín destacou que “don Pedro foi unha persoa afable e xenerosa que no seu testamento manifestou a súa vontade de constituír unha Fundación para crear unha bolsa que cada ano apoiase a dous mozos de Boqueixón que quixeran estudar as carreiras universitarias de Medicina ou Veterinaria”. Neste sentido, destacou que grazas a estas bolsas “puideron formarse dez homes e mulleres de ciencia ao servizo da sociedade”. Por iso, a corporación de Boqueixón quixo corresponder a esta xenerosidade entregándolle este título de Fillo Adoptivo, a título póstumo, “pola súa contribución ao desenvolvemento de Boqueixón”.
Placa conmemorativa
Ademais da entrega do título de Fillo Adoptivo, os asistentes ao acto desprazáronse a carón do centro cultural de Ponte Ledesma para descubrir unha placa en lembranza de Pedro Pérez Pérez, ao pe dunha pequena oliveira. Unha placa que recolle: “A don Pedro Pérez Pérez, fillo adoptivo de Boqueixón a título póstumo. Ledesma , 3 de xulo de 2021”.
Un detalle que emocionou tanto a Margarita Vizcaíno como ao seu marido, lembrando que no seu Cáceres natal tiña máis de 300 oliveiras. “Era un amante del vino, pero de hacerlo, no de consumirlo. Siempre lo estaba regalando”, lembrou Margarita. A sobriña do homenaxeado asegurou que Pedro Pérez “amaba mucho esta tierra y tenía muchos recuerdos de Galicia en casa. Siempre hablaba mitad en gallego y mitad en extremeño”. Así mesmo, afirmou que “es de bien nacidos el ser agradecidos. Estou segura de que a él le hubiera gustado mucho este acto. Era muy sencillo pero creo que esto le llenaría de orgullo”.
Pedro Pérez Pérez
Pedro Pérez Pérez naceu en Losar de la Vera, un pequeno municipio da provincia de Cáceres, o 30 de xuño de 1919. Veterinario de profesión, un dos seus primeiros destinos foi Boqueixón, chegando ao municipio nos anos 50. Residiu, xunto coa súa dona Rosario Fernández Rodríguez, na parroquia de Ponte Ledesma durante aproximadamente 15 anos. Aínda que despois, no ano 1965, se trasladaría a Carballo como xefe comarcal, Boqueixón deixou unha importante pegada na súa vida.
Tanto foi así que, tras o seu falecemento (o 7 de decembro do 2001), manifestou no seu testamento a súa vontade de constituír unha fundación coa finalidade de crear un fondo anual para apoiar as carreiras universitarias de Medicina e Veterinaria de dúas persoas mozas pertencentes a calquera parroquia do Concello de Boqueixón. Foi entón cando se constituíu a Fundación Pedro Pérez, dotada cun patrimonio próximo aos 200.000 euros. Grazas a esta entidade, un total de dez alumnos e alumnas de Medicina e Veterinaria do municipio beneficiáronse deste legado durante os seus anos de carreira.