Friday 22 de November de 2024

O Concello inicia a reforma da rúa Cabana para mellorar a accesibilidade e gañar novos espazos públicos


O Goberno local leva investidos máis de 1,3 millóns de euros no barrio de Catro Camiños

O Concello ten previsto comezar a vindeira semana a reforma da rúa Cabana co fin de mellorar o pavimento da calzada, ampliar os espazos públicos e garantir a accesibilidade ás persoas residentes. A reforma ten un orzamento de 178.391 euros.

Este proxecto, explicou a la alcaldesa, Inés Rey, enmárcase dentro das actuacións para mellorar a mobilidade e a accesibilidade que o Goberno local está a desenvolver nunha aposta clara polas persoas e por recuperar espazos urbanos de calidade. “A nosa intención é ampliar e mellorar as infraestruturas en todos os barrios”, apunta a alcaldesa.

Con esta actuación, preténdese mellorar o estado do pavimento da rúa e ampliar os espazos destinados ás persoas coa construción dunha beirarrúa de 1,8 metros de ancho as carón dos edificios. Ademais, melloraranse os servizos públicos. Tamén se mellorará a iluminación, o mobiliario urbano e plantaranse árbores.

Os traballos súmanse a outros desenvoltos no barrio de Catro Camiños en que o Goberno leva investidos 1,3 millóns de euros: a reparación do pavimento na rúa Costa da Palloza; a renovación da rúa Alcalde Puga y Parga; a reposición de laxas na Estación de Autobuses, zona saídas; a mellora da zona de xogos de lecer na Praza da Fábrica de Tabacos; a construción da glorieta na avenida de Salgado Torres  coa rúa Pérez Ardá; a ampliación da calzada no ramal de acceso á rúa Castiñeiras Abaixo desde a avenida de Alfonso Molina; a reurbanización de Mariscal Pardo de Cela e a reforma do Remanso para uso social.

As obras enmárcanse no Plan Coruña Camiña co que o Goberno está a mellorar a accesibilidade e a recuperar rúas para as persoas camiñantes co fin de construír unha Coruña máis sustentable. No marco deste plan estase a habilitar por fases unha rolda peonil de 3,5 km que unirá o parque de San Diego co futuro parque da Agra co fin de darlles protagonismo ás persoas, calmar o tráfico e impulsar o uso da bicicleta.

Doutra banda, con fin de mellorar a accesibilidade na rolda de Nelle, a Concellería de Infraestruturas ten previsto ampliar a beirarrúa no tramo que descorre no lateral de San Pedro de Mezonzo. Os traballos, que contan cun orzamento de 70.000 euros, consisten na ampliación da beirarrúa e a colocación dunha varanda para garantir a seguridade das persoas. O prazo de execución é de dous meses.