A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda estudará a posibilidade de colaborar economicamente co Concello de Vilarmaior na execución dun proxecto municipal que ten como fin mellorar e humanizar a contorna da Casa do Concello e do centro de saúde.
Así o acordaron a conselleira Ángeles Vázquez e o rexedor Carlos Vázquez nunha reunión celebrada esta semana para abordar diferentes asuntos de interese municipal e na que ambos coincidiron na oportunidade de seguir realizando intervencións urbanísticas que, como esta, contribúan á posta en valor do núcleo urbano do concello.
Pola súa parte, a responsable galega trasladoulle que nos orzamentos do seu departamento para 2021 hai reservados máis de 7,4 millóns de euros para colaborar en obras destinadas a crear ou mellorar equipamentos municipais e intervir nas contornas das vilas.
Neste sentido, cómpre lembrar que desde 2010 a Xunta leva apoiando aos concellos a través do Plan Hurbe na execución de diferentes intervencións e proxectos co obxectivo común de crear, optimizar ou poñer en valor infraestruturas de uso público e colectivo que redunden na calidade de vida dos veciños.
De feito, Vilarmaior é un dos municipios que xa se beneficiou deste programa, grazas ao cal acometeu a mellora integral do parque infantil O Tres, en 2019, e vén de completar este mesmo ano a humanización da parcela exterior da Casa da Cultura.