Thursday 21 de November de 2024

Esgotadas as prazas para a primeira ruta xeolóxica do verán en Moeche


O Concello promove 10 xeorrutas ata setembro: seis por Mina Piquito, dúas do Toelo e outras dúas compartidas con Cerdido para descubrir o proceso extractivo do cobre

Xa non queda sitio para participar na xeorruta que percorrerá este domingo pola mañá as galerías de Mina Piquito, en Santa Cruz de Moeche. Tan só unhas horas despois de activar o formulario de inscrición xa se cubriran as 20 prazas dispoñibles (dous grupos de 10 persoas) para un itinerario baixo terra que nos achegará á antiga mina de cobre, activa até finais dos anos 60, que hoxe é un dos espeleotemas máis interesantes do noroeste peninsular. A xeorruta encádrase nas accións de divulgación do Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal promovidas conxuntamente durante este verán polos concellos de Moeche, Cariño, Cedeira, Cerdido, San Sadurniño e Valdoviño. Quen quedase coa gana de acceder a Mina Piquito terá unha nova oportunidade de reservar para os días 31 de xullo, 15,19 e 29 de agosto e 4 de setembro. Ademais o Concello reedita as xeorrutas do Toelo -17 de xullo e 4 de agosto- e estrea dúas compartidas con Cerdido -25 de xullo e 21 de agosto- que ofrecerán unha visión xeral sobre a actividade extractiva do cobre nos dous municipios.

As persoas que participen nas rutas á Mina Piquito percorrerán a antiga explotación mineira e as súas galerías na compaña do xeólogo Fran Canosa, quen irá explicando as distintas formacións minerais. observables a simple vista nos corredores subterráneos clausurados a finais dos anos 60 e dos que se extraían piritas e calcopiritas (mineral do que sae o cobre).

A escuridade da mina tórnase coa luz artificial nun espectáculo de cores e texturas onde aparecen fermosas e delicadas estalactitas azuis formadas pola precipitación do cobre en contacto con outros elementos -o xofre que tamén tingue de amarelo algunhas paredes-, diminutos cristais de xeso que brillan na rocha, marróns e ocres de grande viveza debidos á oxidación do ferro… todo resultado do paso do tempo e do efecto da omnipresente auga nos últimos 50 anos.

A seguinte cita coa xeoloxía modestina é o 17 de xuño coa primeira das rutas do Toelo. Partindo desde o castelo faise un paseo doado até as canteiras desta rocha da familia das serpentinas, moi empregada no pasado como elemento construtivo en igrexas, cruceiros, vivendas -linteis de fiestras, hórreos, baños de salgar, píos, etc.- e incluso no propio castelo, ao que as persoas participantes poderán acceder con motivo da xeorruta.

Por último, nas novas rutas do Cobre percórrense as principais instalacións das minas de cobre nos concellos de Moeche e Cerdido: unha antiga cheminea de calcinación, unha planta de tratamento químico ou as entulleiras ás que ían parar as gangas e verteduras do proceso extractivo. Estes espazos serán os principais referentes da nova oferta de xeorrutas, que nos permitirá coñecer o valor xeolóxico do territorio e como se traballou nestas minas.

Ao longo do verán son, polo tanto, 10 rutas xeolóxicas as que se ofrecen en Moeche -incluídas as compartidas con con Cerdido- canda outras 70 que se desenvolverán ata setembro nos demais concellos promotores do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal. O proxecto persegue o selo distintivo outorgado pola Unesco para aqueles territorios que sexan capaces de combinar o coñecemento dunha xeoloxía singular co desenvolvemento socioeconómico e cultural, baseado principalmente no turismo.

Prezo e inscrición

As rutas de Moeche teñen un custe de 10 euros no caso da Mina Piquito e nela, por cuestións de seguridade, só poderán participar maiores de 11 anos. Os percorridos do Toelo e do Cobre custan 6€. Nos formularios de inscrición indícase o número de conta no que se deberá facer o ingreso e o correo ao que cumprirá enviar o xustificante.

Para reservar ou obter máis información sobre as rutas programadas ata setembro no ámbito do proxecto pódese entrar neste enlace, onde figura o calendario completo dos sete municipios. Tamén se pode contactar co Concello no 981 404 006 ou enviar un correo a turismo@moeche.gal.