Friday 22 de November de 2024

A campaña ‘Padrón experiencias 2021’ chegou a máis de 129.000 persoas


Tras o éxito deste sorteo en Facebook, agora a concellaría de Turismo lanza ‘Vive Padrón’ a través de Instagram

A campaña ‘Padrón Experiencias 2021’ conclúe cunha participación de preto de 5.000 persoas e cun alcance de 129.448 persoas en redes sociais. Co obxectivo de activar o consumo local e de impulsar a promoción dos distintos establecementos de Padrón, o Concello a través da concellaría de Turismo puxo en marcha o programa ‘Padrón Experiencias 2021’, que se desenvolveu ao longo dos primeiros meses do ano, concretamente durante 11 semanas.

A través desta iniciativa sorteáronse estancias en hoteis, ceas ou comidas en restaurantes, packs de produtos locais e tamén vales para canxear no comercio local. Os sorteos realizáronse a través da rede social Facebook dende o perfil de ‘Padrón Turismo’ –con preto de 9.000 seguidores na actualidade-.
Dado o éxito deste proxecto, a concellaría de Turismo pretende reactivalo máis adiante, se ben agora veñen de poñer en marcha o sorteo de ‘Vive Padrón’ a través da conta de Instagram. “Estamos moi satisfeitos coa resposta da cidadanía e dos diferentes axentes locais. Dende a concellaría de Turismo seguimos traballando co obxectivo de dinamizar a economía local de Padrón”, explicou Lorena Couso, concelleira de Turismo.

Dende o 1 de xullo xa está activo en Instagram ‘Vive Padrón’. O sorteo invita ás persoas participantes a compartir un selfie no seu perfil persoal de Instagram, a fotografía pode ser individual ou grupal. O requisito imprescindible é que a imaxe sexa tomada nun dos recursos culturais, patrimoniais, etnográficos, naturais ou gastronómicos de Padrón. Para consolidar a participación haberá que etiquetar a conta de instagram de @padronturismo, empregar o hashtag #VivePadrón e, por suposto, terán que ser seguidores da conta de @padronturismo nesta rede social. Os premios que poden gañar as persoas participantes son vales para trocar posteriormente nos establecementos, restaurantes, comercios ou empresas de turismo activo de Padrón.