O recinto abrirá as súas portas este sábado 3 de xullo con estritas medidas de seguridade sanitaria
A tempada de verán na piscina municipal do Concello de Padrón arrinca este sábado 3 de xullo na Escravitude. A piscina estará aberta ata o 5 de setembro. “Un ano máis abrimos a piscina para o goce de toda a poboación de Padrón e, ao igual que no último exercicio, organizamos a tempada de verán cuns estritos protocolos de seguridade por mor da Covid-19”, indicou Lorena Couso, concelleira de Deportes.
Para garantir a seguridade de toda a veciñanza, establecerase un estrito protocolo de seguridade sanitaria, polo que será obrigatorio o uso de máscara nos accesos, desprazamentos e paseos polas zonas de baño, a distancia interpersoal debe ser de 1,5 metros con todas as persoas usuarias da piscina –agás entre convivintes- e o aforo máximo sitúase en 128 persoas.
O horario da piscina para os vindeiros meses é de 14:00 a 21:00 horas do 3 ao 31 de xullo e de 14:00 a 20:30 horas do 1 de agosto ao 5 de setembro. Para as entradas unitarias o pagamento da taxa efectuarase no momento de acceder ao recinto –cun prezo de 2,50 euros para os adultos, 1 euro para nenos e nenas menores de 14 anos e 2 euros para maiores de 65 anos, xubilados, pensionistas e rapaces e rapazas de entre 15 e 17 anos-. Tamén se pode tramitar un bono de 20 entradas, que se expedirá na tesourería municipal do Concello tras aboar a taxa correspondente –cun prezo de 30 euros para os adultos, 10 euros para os nenos e nenas menores de 14 anos e de 25 euros para rapaces e rapazas de 15 a 17 anos, maiores de 65 anos, pensionistas e xubilados-.