Monday 25 de November de 2024

Acordo unánime para elevar o investimento no tecido asociativo da cidade ata os 8,7 millóns


O Consistorio aumentará a contía dos convenios nominativos en 2,4 millóns de euros, tras aprobar no mes de febreiro destinar 6,3 millóns

Trátase da partida máis elevada da historia do Concello destinada ao tecido asociativo da cidade co fin de contribuír a loitar contra os efectos da pandemia

Luz verde ao novo Presco, que entrará en vigor ao longo deste verán e contará con 6,2 millóns de euros de orzamento

O Concello da Coruña investirá 8,6 millóns de euros máis en facer fronte ás consecuencias da pandemia, destinando eses fondos ao reforzo do tecido asociativo (2,4 millóns de euros) e ao novo Presco (6,2 millóns de euros). A Xunta de Goberno Local de carácter extraordinario deulle luz verde a ambos asuntos, que irán a pleno o vindeiro día 8 para a aprobación dos correspondentes modificativos de crédito.

A ampliación dos convenios nominativos supón a inclusión ou incremento de asignacións a 94 entidades da cidade, incluíndo tamén un acordo de colaboración coa Universidade da Coruña para diferentes estudos e investimentos.

O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas, subliñou que o aumento de fondos para os convenios nominativos eleva a contía total destinada a ese fin por enriba dos 8,7 millóns de euros, tras aprobar no mes de febreiro unha contía de 6,3 millóns destinada ás entidades. Trátase, segundo o voceiro do goberno local, da cifra máis elevada destinada nunca polo consistorio ao tecido asociativo da cidade.

“O compromiso de Inés Rey coas entidades da cidade é claro, e máis nun momento como o actual, marcado pola pandemia”, indicou Lage Tuñas, quen apuntou tamén que o incremento aprobado foi froito do diálogo e da aportación de todos os partidos presentes na corporación. “Agradezo a todos as súas aportacións para enriquecer o resultado que, coido, responde a todas as sensibilidades e supón un extraordinario reforzo para moitas asociacións”, explicou o edil.

Dos 94 convenios que se modifican ou incorporan, 29 corresponden a entidades sociais, ás que Lage Tuñas agradece, en nome a da alcaldesa, a súa dedicación e esforzo na axuda aos máis desfavorecidos.

O financiamento do modificativo para as entidades non afectará aos servizos ordinarios do Concello, xa que na súa meirande parte aboarase con fondos procedentes de partidas que, por mor da pandemia, non se puideron executar na súa totalidade.

Novo Presco
No caso do Presco, cuxo modificativo recibiu tamén luz verde na Xunta de Goberno, a meirande parte dos recursos (5,4 millóns de euros) proceden do remanente de tesourería, polo que poderá poñerse en marcha sen detraer recursos esenciais a outros servizos. Tanto o Presco como a modificación dos convenios entrarán en vigor este verán tras completarse a súa tramitación plenaria.

O plan de reactivación contará con tres eixos de actuación, social, económico e cultural, froito tamén do acordo entre todos os grupos.

Eixo social:
Dotado con 600.000 euros, dos que 300.000 de destinarán a reforzar as partidas da Renda Social Municipal e das Axudas de Emerxencia Social; 150.000 euros serán para a programa de canguraxe, e 150.000 euros máis para programas de acompañamento de maiores.

Destínanse tamén 250.000 euros para promover políticas de inserción laboral con incentivos para a contratación de persoas desempregadas, especialmente mozos e mozas, mulleres, e parados de longa duración.

Eixo económico:
Destínanse 4.000.000 de euros, cun máximo de 2.000 euros por solicitante (autónomos e micropemes), para axudas directas para o pago da Seguridade Social, cotas empresariais e alugueres.

Plans de bonos (985.000 euros):
• Bono 10 para o pequeno comercio: Descontos de 10 euros por cada 30 de compra ata un máximo de 30 euros por persoa. 400.000 euros
• Bono hostalaría: Desconto do 40% desde 10 de euros de consumo ata un máximo de 15 euros por persoa. 200.000 euros.
• Bono salóns de peiteado e estética: Descontos do 30 % desde 20 euros de compra ata un máximo de 20 euros por persoa. 100.000 euros.
• Bono Mobilidade (Taxi): Descontos do 30% desde 6 euros de compra. Máximo 10 euros por persoa. 50.000 euros.
• Bono Cultura: Descontos do 30% desde 10 euros de compra. Ata 60 euros por persoa. 235.000 euros.

Así, o orzamento total nos plans de bonos chega aos 985.000 euros. Cada persoa
poderá dispoñer dun máximo de 135 euros, cantidade que aportará o Concello para
un gasto total aproximado de 430 euros.

Os bonos terán validez desde o 1 de setembro ata o fin de novembro, escollendo dita data de comercio para non solaparse con outras campañas de promoción do comercio que están a levar a cabo outras Administracións.

Eixo cultural:
No plano cultural destínanse 120.000 euros ao programa de bolsas para a creación artística, e haberá unha programación especial de actividades culturais que afrontará o IMCE. A estas liña hai que sumar o citado bono cultural que se poderá gastar en todas as industrias culturais da cidade. Ademais, destínanse 50.000 euros itinerarios formativos que fomenten o emprego.

Finalmente, o Presco inclúe tamén 30.000 euros para o mantemento do mapping de locais baleiros en aluguer, e 50.000 euros para a creación do Consello Económico e Social, órgano interlocutor entre o Concello e os axentes económicos e sociais.

Lage Tuñas suliñou a “vocación social do investimento” que este ano está a levar a cabo o Concello, investimento que entre o novo Presco e os convenios nominativos achégase aos 15 millóns de euros. “Inés Rey marcou como obxectivo poñer todos os recursos a disposición da cidade para axudar á recuperación”, indicou Lage Tuñas, quen agradeceu o traballo do resto dos grupos e nomeadamente dos seus representantes na Comisión de Facenda: Iago Martínez (Marea Atlántica), Francisco Jorquera (BNG), Rosa Gallego (PP) e Isabel Faraldo (Non Adscritos). “Coido que entre todos temos demostrado que é posible chegar a acordos cando a cidadanía o precisa”, indicou Lage Tuñas.