Saturday 16 de November de 2024

A Xunta apoia con 237.000 euros a contratación de 17 desempregados para a prevención de incendios en 13 concellos de Comarca de Bergantiños-Costa da Morte


― O obxectivo da iniciativa é impulsar o emprego rural na Comunidade Autónoma

― Cos programas xa resoltos de socorristas e de aprol rural os concellos da comarca de Bergantiños-Costa da Morte recibirán 329.000 euros para a contratación de 46 desempregados

A Xunta vén de resolver a convocatoria de axudas deste ano do programa Aprol Rural para apoiar aos concellos galegos na contratación de persoas desempregadas para realización de servizos de prevención de incendios, entre outros. O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor e o alcalde da Laracha, José Manuel López, visitaron unha das zonas nas que están traballando as brigadas municipais para informar da resolución desta orde.

Na comarca de Bergantiños-Costa da Morte beneficiaranse 17 concellos que coas axudas da Xunta por valor de 237.000 euros poderán contratar a 17 persoas. En Galicia, en global, apoiarase a contratación de 505 persoas sen emprego en 284 concellos a través dun investimento de sete millóns de euros.
As persoas desempregas realizarán tarefas relacionadas, maioritariamente, coa prevención de incendios nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Na orde de axudas deuse prioridade aos concellos fusionados e os emprendedores. Os contratos terán unha duración de 9 meses a tempo completo.

O obxectivo da iniciativa é incrementar e mellorar as oportunidades laborais do rural de Galicia, mediante a contratación de persoas desempregadas, e dar un impulso aos traballadores das zonas menos poboadas da comunidade autónoma.

Estas contratacións únense aos apoios xa aprobados pola Xunta destinadas aos concellos de Bergantiños-Costa da Morte para impulsar a contratación do servizo de socorristas que é competencia municipal. No caso desta comarca, a Consellería de Emprego e Igualdade financiará a contratación de 29 socorristas en 8 concellos cun investimento de 92.000 euros.

Cos programas xa resoltos de socorristas e de Aprol rural os concellos da área de Bergantiños Costa da Morte recibirán 329.000 euros para a contratación de 46 desempregados.
Programas creación de emprego

Enmárcanse, ademais, na prioridade da Xunta de crear máis e mellor emprego de calidade na Comunidade e completan outras iniciativas que xa se activaron e que favorecen a contratación nos concellos galegos. É o caso dos obradoiros de emprego, no que se invisten en toda Galicia 30,2M€ para permitir a formación e o acceso ao emprego de 1.500 persoas; as axudas para a contratación de orientadores laborais, ás que se destinan 6,8M€ para a contratación de 280 persoas ou os Programas Integrados de Emprego, cun orzamento de 8,4M€ para apoiar a contratación de 3.300 persoas en concellos e entidades sen ánimo de lucro.

Así mesmo, destacan as axudas destinadas á contratación de 700 persoas perceptoras da Risga, que contan cun orzamento de 7,7 millóns de euros en toda Galicia para dar apoio a 165 concellos ou agrupacións de municipios; ou as axudas para apoiar a contratación de persoas sen emprego para a realización de servizos de interese xeral e social nas que este ano o investimento é de 1,5 millóns de euros para a contratación de 464 socorristas en 163 concellos galegos.

CONCELLO TRAB. IMPORTE
CABANA DE BERGANTIÑOS 1 13.745,52 €
CAMARIÑAS 1 16.500,00 €
CEE 1 13.750,00 €
CERCEDA 1 13.361,04 €
CORISTANCO 1 15.941,25 €
DUMBRÍA 1 13.745,52 €
FISTERRA 1 13.436,28 €
LARACHA (A) 3 41.250,00 €
LAXE 1 13.436,28 €
MALPICA DE BERGANTIÑOS 3 41.250,00 €
MUXÍA 1 13.750,00 €
VIMIANZO 1 13.750,00 €
ZAS 1 13.745,52 €
TOTAL 17 237.661,41 €