Friday 22 de November de 2024

A Xunta apoia con 288.000 euros a contratación de 21 desempregados para a preveción de incendios en 15 concellos de Comarca de Ferrolterra


― O obxectivo da iniciativa é impulsar o emprego rural na Comunidade Autónoma

― Cos programas xa resoltos de socorristas e de aprol rural os concellos da comarca de Ferrolterra recibirán máis de 468.000 euros para a contratación de 76 desempregados

A Xunta vén de resolver a convocatoria de axudas deste ano do programa Aprol Rural para apoiar aos concellos galegos na contratación de persoas desempregadas para realización de servizos de prevención de incendios, entre outros.

Na comarca de Ferrolterra beneficiaranse 15 concellos que coas axudas da Xunta por valor de 288.000 euros poderán contratar a 21 persoas. En Galicia, en global, apoiarase a contratación de 505 persoas sen emprego en 284 concellos a través dun investimento de sete millóns de euros.

As persoas desempregas realizarán tarefas relacionadas, maioritariamente, coa prevención de incendios nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Na orde de axudas deuse prioridade aos concellos fusionados e os emprendedores. Os contratos terán unha duración de 9 meses a tempo completo.

O obxectivo da iniciativa é incrementar e mellorar as oportunidades laborais do rural de Galicia, mediante a contratación de persoas desempregadas, e dar un impulso aos traballadores das zonas menos poboadas da comunidade autónoma.

Estas contratacións únense aos apoios xa aprobados pola Xunta destinadas aos concellos de Ferrolterra para impulsar a contratación do servizo de socorristas que é competencia municipal. No caso desta comarca, a Consellería de Emprego e Igualdade financiará a contratación de 55 socorristas en 10 concellos cun investimento de 180.000 euros.

Cos programas xa resoltos de socorristas e de Aprol rural os concellos da área de Ferrolterra recibirán máis de 468.000 euros para a contratación de 76 desempregados.

Programas creación de emprego
Enmárcanse, ademais, na prioridade da Xunta de crear máis e mellor emprego de calidade na Comunidade e completan outras iniciativas que xa se activaron e que favorecen a contratación nos concellos galegos. É o caso dos obradoiros de emprego, no que se invisten en toda Galicia 30,2M€ para permitir a formación e o acceso ao emprego de 1.500 persoas; as axudas para a contratación de orientadores laborais, ás que se destinan 6,8M€ para a contratación de 280 persoas ou os Programas Integrados de Emprego, cun orzamento de 8,4M€ para apoiar a contratación de 3.300 persoas en concellos e entidades sen ánimo de lucro.
Así mesmo, destacan as axudas destinadas á contratación de 700 persoas perceptoras da Risga, que contan cun orzamento de 7,7 millóns de euros en toda Galicia para dar apoio a 165 concellos ou agrupacións de municipios; ou as axudas para apoiar a contratación de persoas sen emprego para a realización de servizos de interese xeral e social nas que este ano o investimento é de 1,5 millóns de euros para a contratación de 464 socorristas en 163 concellos galegos.

CONCELLO TRAB. IMPORTE
ARES 3 41.250,00 €
CABANAS 3 41.245,52 €
CARIÑO 1 13.436,28 €
CEDEIRA 1 13.750,00 €
FENE 2 27.500,00 €
MAÑÓN 1 13.436,28 €
MOECHE 1 13.750,00 €
MONFERO 1 13.750,00 €
MUGARDOS 1 13.750,00 €
ORTIGUEIRA 1 13.750,00 €
PONTEDEUME 1 13.750,00 €
PONTES DE GARCÍA  RODRÍGUEZ (AS) 2 27.500,00 €
SAN SADURNIÑO 1 13.750,00 €
SOMOZAS (AS) 1 13.750,00 €
VILARMAIOR 1 13.750,00 €
TOTAL 21 288.118,08 €