Friday 22 de November de 2024

O Concello inicia a transformación dixital das súas instalacións deportivas


A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, explicou que coa tecnoloxía intelixente o deporte base coruñés poderá transmitir todos os seus partidos e competicións

O Concello porá en marcha despois do verán unha proba piloto en cinco pavillóns da cidade: Os Rosales, Novo Mesoiro, San Francisco Javier, Barrio das Flores e Sagrada Familia.

A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, anunciou hoxe que o Concello da Coruña inicia o camiño cara a trasformación dixital das súas instalacións deportivas mediante o uso da tecnoloxía de produción automática de tiivii.

Martínez explicou que, co obxectivo de introducir as tecnoloxías intelixentes nas súas instalacións deportivas, o Concello chegou a un acordo coa empresa Cinfo para instalar o equipamento necesario para a retransmisión automática de eventos deportivos a través dun sistema de cámaras que utilizan a Intelixencia artificial mais unha plataforma de contidos audiovisuais posta en marcha, actualmente, en máis de 60 instalacións.

O Concello ten previsto despregar o sistema tiivii durante este verán coa fin de que estea dispoñible para a nova tempada deportiva en cinco pavillóns: Os Rosales, Novo Mesoiro, San Francisco Javier, Barrio das Flores e Sagrada Familia. Desta forma, explicou a concelleira, o Concello non só aposta por modernizar os polideportivos da cidade, mais tamén por apoiar os clubs e ao deporte base coruñés que, en diante, contarán cun sistema de emisión intelixente dispoñible os 365 días do ano para transmitir todos os seus partidos e competicións, facilitando que toda a cidadanía poida gozar deles desde as súas casas ou desde o lugar que prefiran, escoitando o mesmo ambiente que se estivesen no pavillón.

Tiivii, a través do equipamento despregado e dunha mesa de produción na nube, é capaz de facer o seguimento do xogo, engadir o marcador do partido, publicidade e seleccionar entre as cámaras dispoñibles a que mellor ángulo do xogo proporcione para facer un seguimento automático da competición. A través deste produto, todos os eventos que se disputen nestes pavillóns poderán ser retransmitidos en directo sen necesidade de que ningunha persoa teña que desprazarse ás instalacións
deportivas.

Pola súa banda, Antonio Rodríguez do Corral, CEO de Cinfo destacou a oportunidade que se abre aos clubs para poder obter máis ingresos por publicidade ao dispoñer dun sistema de emisións deportivas automático.