O teatro cine Elma dará cabida no 10 de xullo, a partir das 12.30 horas, a unha xornada aberta de información pública organizada por Alcohólicos Anónimos, en colaboración coa Concellaría dos Servizos Sociais da Pobra do Caramiñal, para dar a coñecer o labor da mencionada agrupación que, segundo explicou un dos integrantes da mesma, “é unha comunidade de persoas que comparten a súa mutua experiencia, fortaleza e esperanza para resolver o seu problema común e axudar a outros a recuperarse do alcoholismo.” O único requisito para ser membro “é o desexo de deixa-la bebida e non se pagan honorarios nin cotas.”
Pola súa parte, a edil dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG), puxo en valor o cometido de Alcohólicos Anónimos, co cal o Concello colabora dende hai un mes, coa finalidade de “combater as adiccións de maneira activa e xenerosa”, ademais de facilitarlles o local dos Servizos Sociais para realizar as súas reunións semanais. A concelleira tamén manifestou que toda aquela persoa que se atope nesta situación pode achegarse ata o Departamento dos Servizos Sociais, dende onde se lles porá en contacto coa agrupación.
As persoas que desexen asistir á xornada do día 10 deben realiza-la súa inscrición a través do teléfono de contacto 981832764.