Friday 22 de November de 2024

O Mercado Daquí Darredor arranca mañá venres con 17 postos no aparcadoiro traseiro do Centro Comercial Montebalado


Organizada pola asociación Darredor, en colaboración co Concello de Brión, trátase dunha feira con produtos labregos, artesanía, segunda man… que terá lugar o 1º e 3º venres de cada mes, de 18:00 a 22:00 h

A asociación Darredor, en colaboración co Concello de Brión, organiza o Mercado Daquí Darredor, unha feira que terá lugar os primeiros e terceiros venres de cada mes, en horario de 18:00 a 22:00 horas, no aparcadoiro traseiro do centro comercial Montebalado. Unha feira con produtos da horta (frescos ou transformados), artesanía, segunda man, actividades para as familias… que botará andar mañá venres 2 de xullo.

Dende a asociación Darredor apuntan que “o mercado nace con moita ilusión e gañas. Para empeza, imos poñelo en marcha os primeiros e terceiros venres de mes en horario de tarde, desde as seis ata as dez. Tentarase organizar todos os días algunha actividade para a familia, entre as sete e as oito da tarde”. De feito, para mañá venres 2 de xullo está previsto realizar unha pequena ruta pola beira do río Pego para coñecer as plantas medicinais que hai na zona.

Haberá sombra en toda a zona do mercado e, en caso de choiva, trasladaríase ao interior do centro comercial, no mesmo andar. Nesta primeira edición están confirmados un total de 17 postos de produto labrego, artesanía e segunda man. As persoas da contorna que desexen participar no mercado poden dirixirse a daquidarredor@gmail.com ou por whatsapp ao 633 122 772.