Estas novas incorporacións elevarán a un total de 5 os contratos para persoas desempregadas dentro do programa de inserción laboral da Deputación
Xa están publicadas no apartado de Avisos da web municipal de San Sadurniño -e tamén no tablón de anuncios- as bases polas que se rexerá a segunda quenda de contratos temporais acollidos ao PIL da Deputación da Coruña. Ofértanse dous postos ata fin de ano a tempo parcial (34 horas semanais), un para facer traballos de albanelaría e outro coa categoría de peón ou peoa especial para a recollida do lixo e outros labores de mantemento municipal. O Concello iniciará en breve o proceso de selección mediante a petición ao Servizo Público de Emprego de Galicia dun listado de aspirantes que cumpran os requisitos, que despois serán convocados e convocadas para participar nas dúas fases en que se divide: dunha banda un concurso para valorar méritos e circunstancias persoais (ata 4 puntos) e, doutra, unha sinxela oposición por medio dunha entrevista e unha proba tipo test sobre coñecementos do posto de traballo e o territorio municipal, na que se poderán obter ata 6 puntos. Desde o Concello insístese en que para poder entrar no listado de aspirantes do SPEG é necesario ter ao día a ficha de demandante de emprego dentro dos códigos coincidentes cos postos ofertados.
A diferenza doutras convocatorias de emprego público, neste tipo de programas tanto San Sadurniño como outros concellos optan por solicitarlle ao propio SPEG un listado pechado de persoas que cumpran as condicións para desempeñar funcións en calquera dos postos ofertados. Son dous: albanel/a e peón/oa, con contratos en ambos casos até o 31 de decembro deste ano e cunha xornada de 34 horas semanais.
Posteriormente, unha vez recibida a relación de aspirantes, faise un chamamento para que todas elas e eles presenten a documentación requirida e para que participen no proceso de selección mediante concurso oposición. Nel valóranse cuestións como a situación familiar e/ou persoal e a experiencia e a formación acumuladas, que en ambos casos son baremables directamente. Pero tamén se fai unha proba oral e un exame tipo test centrado tanto no coñecemento do posto como do territorio.
Os requisitos básicos para participar no proceso son comúns aos de calquera oposición: ter a nacionalidade española ou residencia legal en España, ser maior de 16 anos (ou telos feitos), posuír capacidade funcional para o traballo, non ter sido obxecto de separación ou despedimento dun posto nunha Administración pública por expediente disciplinario, etc.
Pero, a maiores, tamén haberá que encontrarse en polo menos algunha das situacións de exclusión laboral sinaladas nas bases, como por exemplo ser muller, ter máis de 45 anos, estar en paro de longa duración, ter recoñecida unha discapacidade, vivir nun fogar monoparental ou onde ninguén teña emprego, ter dificultade para atopar traballo por razóns de idioma ou socioculturais, ser vítima de violencia de xénero, non ter fogar ou encontrarse en situación de drogodependencia.
A selección mediante a petición dunha oferta de aspirantes ao Servizo Público de Emprego de Galicia é unha opción recollida nas bases PEL-Concellos Reactiva, posto que axiliza o procedemento administrativo de contratación e asegúrase que este programa de integración laboral se dirixa ás persoas que máis o necesitan.
O servizo dependente da Xunta fará unha preselección buscando perfís que cumpran os requisitos para cada posto e logo enviaralle o listado ao Concello para que faga os chamamentos ás probas. Para esta convocatoria de emprego temporal non se pode botar solicitude, senón que se debe ter na oficina de emprego a ficha de demandandante debidamente actualizada e con códigos coincidentes cos dos dous postos ofertados.
Xa no mes de abril aplicouse o mesmo sistema para contratar un condutor, un carpinteiro e unha peoa de obras que nestes momentos traballan no departamento de Servizos facendo distintas tarefas relacionadas coa limpeza e o mantemento de espazos e infraestruturas públicas.