O Concello de Fene finalizou recentemente o proceso selectivo para incorporar con carácter temporal unha ou un profesional con especialización en Igualdade que se encargue de deseñar as accións municipais neste ámbito. Á convocatoria presentáronse 16 persoas das que, finalmente, 13 pasarán formar parte da lista de contratación que estará en vigor até finais de 2024, aínda que o contrato formalizado neste momento será até finais de ano. O posto ocuparao desde este xoves Laura Tuimil, quen se unirá ao equipo multidisciplinar de Servizos Sociais co cometido principal de ofrecerlle apoio técnico a este e outros departamentos municipais.
O Concello lanzou a convocatoria de emprego hai uns meses co obxectivo de cubrir un posto de carácter temporal subvencionado pola Deputación da Coruña cunha achega de 5.500 euros. Con este importe -e o cofinanciamento municipal- poderase asumir a contratación da Técnica de Igualdade durante 6 meses a media xornada, aínda que o obxectivo do Concello é que este perfil profesional se manteña a máis longo prazo coa colaboración económica doutras Administracións.
En calquera caso, as funcións da nova técnica -a primeira na historia do consistorio- estarán centradas desde este mesmo xoves no apoio especializado en materia de Igualdade tanto ao departamento de Servizos Sociais como a outras áreas municipais. Neste sentido, as bases do proceso selectivo apuntaban, entre outros cometidos, o estudo e detección de necesidades en materia de igualdade de oportunidades, a asistencia na aplicación transversal da perspectiva de xénero dentro do Concello ou a elaboración de informes e proxectos de dinamización. Aspectos que na súa maioría se incorporarán ao deseño do novo Plan de Oportunidades entre Mulleres e Homes do Concello de Fene, como documento que actualizará a estratexia actual, ademais de adaptala á situación post-COVID.
Celebración do 28X
Por outra banda, o Concello de Fene tamén se sumou á celebración do 28 de xullo, día das diversidades afectivas e sexuais. Ademais de compartir a campaña #seresentir promovida pola Deputación da Coruña, a Concellaría de Benestar tamén organizou onte á tardiña na Casa da Cultura a proxección do documental “Noite Irisada” coa asistencia da súa directora, Bea V. Campaña, e dunha das súas protagonistas.
A peza aborda a memoria, o amor, a represión e a loita dos colectivos de gays e lesbianas en Galicia, tomando como partida o 28 de xuño de 1981, data na que se desenvolveu en Vigo a primeira manifestación do Día do Orgullo organizada polo movemento galego.
Canda esta proxección, o Concello tamén pendurou a bandeira multicor na sede de Servizos Sociais, en San Valentín, e na casa consistorial, cuxa fachada permanecerá iluminada até o 1 de xullo coas cores do Arco da Vella.