Saturday 16 de November de 2024

Un total de 150 xogadoras e xogadores séniors disputarán o Trofeo Torre de Hércules de golf


A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, sinalou que, despois das dez edicións anteriores, o torneo que se disputará esta fin de semana, consolidouse xa como a gran cita do golf sénior de España

A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, xunto ao presidente e ao director do Real Club de Golf da Coruña, Luis Quiroga e Florencio Martín, presentou a XI edición do Trofeo Sénior Torre de Hércules de golf aos pés do mesmo monumento. O torneo, no que participarán os e as 150 mellores xogadoras e xogadores séniors procedentes dos principais clubs de golf de toda España, realizarase esta fin de semana na Coruña.

A concelleira salientou que, por primeira vez nesta edición, será unha das únicas 4 probas que puntúan para a clasificación nacional sénior masculina da que sairá o equipo que representará a España nos campionatos internacionais. A edila lembrou que a primeira edición do campionato realizouse tras o recoñecemento da Torre de Hércules como único faro do mundo declarado Patrimonio da Humanidade e despois das dez edicións anteriores, este torneo consolidouse como un dos máis importantes da categoría que se realizan a día de hoxe en Europa.

O Real Club de Golf será o escenario no que se disputará o torneo no que se repartirán tres torres de ouro e doce de prata para quen gañe nas distintas categorías, un ano no que, como lembrou a edila, o club de golf decano do golf en Galicia celebra o seu 60 aniversario.

Para a concelleira a obriga do Goberno local é a de lle achegar ao público todos os deportes, darlles visibilidade. “É necesario apoialos e nesas estamos”, dixo.  “O concello sabe que o deporte fai cidade”, dixo, e por iso traballamos para consolidar o deporte como unha marca da Coruña apostando non só por deportes maioritarios, senón tamén polas modalidades menos coñecidas e minorizadas, ou por deportes como o golf, que ás veces levan colgada a etiqueta de pouco accesibles para o público.

Martínez lembrou que no campo da Torre hai clases municipais todo o ano e que o campo abre ininterrompidamente de luns a domingo.