Friday 22 de November de 2024

O Concello de Moeche renova a sinalización horizontal e vertical en distintos puntos do territorio


Durante estes días estase levando a cabo o pintado de varias vías municipais e tamén a substitución de sinais de tráfico danadas polo paso do tempo, ademais da instalación de outras novas en lugares onde non as había. Neste proxecto investiranse preto algo máis de 8.800 euros sufragados integramente con fondos propios procedentes dos remanentes de Tesouraría cos que se pechou o ano 2020. A finalidade dos traballos non é outra que continuar incrementando a seguridade viaria no territorio, acompañada dun estenso programa de aglomerados, asfaltados e rebacheos na rede municipal.

Un dos lugares onde o cambio é máis evidente é no centro urbano, que loce desde onte novas liñas nas rúas principais e sinais horizontais nos cruzamentos, ademais das marcas destinadas a pasos peonís, a indicar prazas de aparcadoiro e a delimitar os espazos reservados para persoas con mobilidade reducida ou como parada dos taxis.

O proxecto encargado polo Concello tamén incluíu o pintado dun “stop” no cruzamento da estrada que dá ao adro de San Xurxo, xunto co marcado das prazas de estacionamento na zona do castelo, así como varias actuacións en San Xiao de Arriba.

Só en sinalizacións horizontais investiranse 3.489,42 euros, ive incluído, mentres que á instalación ou reposición de sinais verticais -stops, cedas, limitacións de velocidade, advertencias de gando e mesmo espellos convexos en cruzamentos con saídas complicadas- irán parar outros 5.314,44 euros, impostos incluídos.

A empresa contratada para os traballos -Galaica Viaria- subministrará 15 sinais de stop, 2 de velocidade, 1 de pendente acusada, 1 de curvas perigosas, 3 para advertir da posibilidade de cruzamento de gando pola calzada e 2 de estreitamento da vía.

Ademais destes sinais que se utilizarán para cambiar outros máis vellos danados ou desdebuxados, o orzamento recolle a instalación completa -sinais, poste e man de obra- doutros 20 stops, 4 indicadores de velocidade máxima permitida, 4 de gando, 2 de estreitamento da pista e 2 de tonelaxe máxima.

Estas actuacións de mellora da seguridade viaria -que quedarán rematadas en cuestión de días- veñen complementar os distintos programas de asfaltados, aglomerados, rebacheos e limpeza de cunetas que nestes momentos están en fase de licitación, cun importe global próximo aos 155.000 euros.