• Esta é outra das iniciativas levadas a cabo polo goberno local para mellorar a experiencia turística no municipio.
O Concello de Miño acaba de instalar a súa imaxe de marca ‘ EnCaMiño’ nun enclave estratéxico sobre a praia da Ribeira que ofrece unhas fermosas vistas ao areal e tamén ao centro urbano.
As letras, realizadas de forma artesanal, pretenden funcionar como outro punto máis de atracción turística, servindo como un marco inigualable para as fotografías tanto dos visitantes como dos propios veciños e veciñas do municipio.
Esta iniciativa súmase a outras levadas a cabo recentemente polo goberno local para mellorar a experiencia turística no municipio e facer honra á cualificación de concello turístico que ostenta Miño. Por unha banda, vén de ampliarse a tempada de praia ata os tres meses (xuño, xullo e agosto) con todos os servizos de socorrismo, aparcamento e limpeza de praias activos e, polo outro, os itinerarios creados como o da ‘Senda dous Sentidos’ ou a ‘Fraga do Xarío’ están a ser percorridos e inmortalizados en fotografías por numerosos visitantes.