Saturday 16 de November de 2024

O Goberno local impulsa a renovación dos parques infantís de toda a cidade


O Goberno local aprobou o proxecto de remodelación da rúa Ramón Cabanillas, unha actuación que se enmarca dentro da Estratexia Eidus Coruña, cuxas obras contarán cun orzamento de 923.885 euros

Tras a Xunta de Goberno local realizada esta mañá, a alcaldesa, Inés Rey, anunciou a posta en marcha unha actuación integral de renovación dos parques infantís da cidade. “Queremos que os 139 espazos de lecer que temos na cidade estean en condicións e cumpran coa normativa de accesibilidade”, dixo.

A alcaldesa lembrou que desde o inicio do mandato renováronse 12 parques infantís, creáronse dous novos, Breogán e Zapateira, e comezáronse as obras para o novo parque infantil de San Vicente de Elviña, investíndose en total 1,6 millóns de euros. Coa entrada en vigor do contrato de mellora de áreas infantís por valor de un millón de euros abordaranse actuacións no parque de Oza Maastricht, parque Europa, na Mariña ou a ampliación da área de Alcaldesa Berta Tapia. Ademais, está previsto a construción de dúas zonas infantís novas en A Silva e Xuxán.

O obxectivo, dixo, é que todos os barrios da cidade conten con espazos infantís modernos, seguros e accesibles e, por este motivo, estamos a traballar coa Fundación Abrente para a elaboración dunha guía de accesibilidade de parques infantís en formato electrónico onde os pais poderán consultar as instalacións, xogos, materiais e o seu grao de accesibilidade.

REFORMA RÚA RAMÓN CABANILLAS
Aprobouse tamén o proxecto de remodelación da rúa Ramón Cabanillas, unha obra que se enmarca dentro da Estratexia Eidus Coruña e cuxas obras contarán cun orzamento de 923.885 euros. Esta rúa forma parte da rolda peonil de 3,5 km que unirá o parque de San Diego co parque do Observatorio. A peonalización desta vía comezou coa reforma da  contorna do mercado, e agora continuará até o final da rúa Ángel Senra para conectar con Mariscal Pardo de Cela (obra xa rematada).

O obxectivo da remodelación é a humanización da vía. Renovarase todo o pavimento da calzada e beirarrúas coa construción dunha rúa de plataforma única en que se continuará o tramo executado na contorna do mercado; as redes de saneamento e a iluminación pública. Ademais, mellorarase a mobilidade creando itinerarios accesibles só para peoas e peóns, instalarase novo mobiliario, novas papeleiras, contedores semisoterrados e crearanse zonas arboradas.

CONTORNA MERCADO SAN AGUSTÍN
Doutra banda, o Goberno vén de adxudicar a urbanización da contorna do mercado de San Agustín por un importe de 619.520 euros. Esta actuación, explicou Rey, súmase á política de reforma dos mercados municipais de toda a cidade na que se prevé un investimento superior aos 6 millóns de euros. Este proxecto, que forma parte da Estratexia EidusCoruña, foi consensuado coa veciñanza e os comerciantes. O prazo para executar as obras é de 9 meses. A zona, en que se lle dará prioridade ás persoas, sen eliminar por completo a circulación, contará con plataforma única, árbores, novo mobiliario e máis espazo para as persoas.

ESCOLAS DEPORTIVAS MUNICIPAIS
Ademais, o Goberno local adxudicou o contrato para a prestación do servizo das Escolas Deportivas Municipais, de dous anos prorrogables anualmente por dous anos máis. A alcaldesa apuntou que se incrementa o prezo do novo contrato, que supera o millón de euros, para “manter así o noso compromiso coa rede de escolas deportivas municipais reforzando este servizo e mellorando as condicións tanto das persoas usuarias como das persoas traballadoras”.

RENTING VEHÍCULOS POLICÍA LOCAL
Rey tamén anunciou que o Goberno continúa avanzando na renovación da frota dos medios móbiles da Policía Local. Hoxe adxudicouse na modalidade de renting 5 furgonetas con  distintivo para as patrullas de barrio. Trátase dun investimento de 349.206 euros, que inclúe o renting dos vehículos até o 31 de xullo de 2025.

Deste xeito, dixo Rey, damos resposta a unha reivindicación da Policía Local: a renovación dos seus medios móbiles. Así, a principios de xullo entregaranse 7 coches patrulla novos e estas 5 furgonetas de renting. Ademais, entregáronse no mes de abril 7 bicicletas e 2 vehículos novos. En total 14 vehículos e 7 bicicletas. Canto aos coletes antibala e antipicada están pendentes de entrega por parte da firma adxudicataria. Ademais, tamén se adquiriu novo vestiario para as e os axentes de Policía e seguirase subministrando máis vestiario ao longo deste ano.

RENOVACIÓN LUMINARIAS
Tamén se autorizou o gasto de 384.000 euros para repoñer as luminarias en diferentes vías. Deste xeito, os puntos de luz obsoletos substituiranse por luminarias de tipo LED, permitindo un maior aforro nas arcas municipais e a redución do impacto no medio ambiente. Este investimento está cofinanciado nun 80% polo FEDER, e ten un prazo de execución de tres meses.Trátase, dixo Rey, dun paso máis cara o noso compromiso coa iluminación sostible na cidade, que xa comezamos a instalar en varios puntos da cidade e que terá un impulso definitivo grazas á importante inxección de fondos europeos por valor de 12,6 millóns de euros (IDAE), que o Concello completará con 3,1 millóns de euros, até acadar a contía total de 15,7 millóns de euros.

CONVENIO CÁRITAS
Tamén, no eido social, O Goberno local continúa co seu apoio ás entidades sociais. Hoxe aprobouse unha achega de 130.000 euros ao programa de axudas sociais dirixido a persoas en situación de vulnerabilidade que desenvolve Cáritas na cidade e ao programa Acompáñote de atención ás persoas maiores en situación de soidade cunha achega de 175.000 euros.