As obras comezaron pola rúa Gondar (Brión) e terán continuidade nas próximas semanas en Bemil, Chave da Ponte, Bastavaliños e Saíme (Bastavales), Soutullos (San Salvador) e Cabanas (Os Ánxeles)
O Concello de Brión está a investir 86.953,89 euros no mantemento e mellora da súa rede de abastecemento e saneamento en sete localidades pertencentes á parroquias de Brión, Bastavales, San Salvador e Os Ánxeles. Un proxecto que será acometido ao longo das próximas semanas pola brigada municipal de obras, previa compra de todo o material preciso con cargo ao POS+ 2020 da Deputación Provincial da Coruña.
O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, explica que “nas próximas semanas imos mellorar a rede de saneamento e abastecemento de sete localidades do noso municipio, tanto para dar servizo a vivendas que carecían destes servizos como para mellorar o servizo de abastecemento de auga a aldeas como Bastavaliños, Cabanas e Saíme, reforzando os bombeos para garantir a presión da auga durante o verán e mellorar o servizo durante todo o ano aos veciños e veciñas”.
Os traballos deron comezo esta semana na rúa Gondar, no núcleo de Pedrouzos (Brión). Neste caso trátase da ampliación da rede de saneamento cun novo tramo de canalización de PVC de 250 milímetros de 350 metros de lonxitude para dar servizo a parcelas e vivendas que aínda non dispoñían del. “Unha situación semellante á da aldea de Chave da Ponte, onde o incremento de vivendas e de poboación nos últimos anos fai preciso aumentar a rede de saneamento actual”, apunta Pablo Lago. Nese caso, os obreiros municipais instalarán un novo tramo de canalización de PVC de 250 milímetros e 526 metros de lonxitude.
Melloras no abastecemento de cara o verán
Por outra banda, as brigadas municipais de obras acometerán cinco actuacións de mellora na rede de abastecemento de auga. A primeira delas terá lugar na aldea de Bastavaliños, onde xa está mesmo instalada a caseta de obras. Nesta aldea da parroquia de Bastavales, así como nas localidades de Cabanas (Os Ánxeles) e Saíme (Bastavales), o Concello de Brión colocará un reforzo por bombeo para garantir a chegada e a presión da auga en determinadas épocas, sobre todo no verán.
Finalmente, as brigadas municipais acometerán un paso soterrado en Soutullos (San Salvador) para modificar a actual rede de abastecemento de auga co obxectivo de garantir un mellor servizo. Finalmente, na localidade de Bemil (Bastavales) realizaranse actuacións de ampliación da rede de saneamento e abastecemento de augas para levar estes servizos a varias vivendas da aldea que carecen del.