― Entre as medidas xa aplicadas o ano pasado que se manterán atópanse a redución do aforo, o incremento do número de monitores ou o reforzo das medidas de desinfección e limpeza
― O 98% das prazas en campamentos de verán foron xa adxudicadas
A conselleira de Política Social, Fabiola García, supervisou os preparativos da campaña de verán no albergue xuvenil Marina Española, onde a partir de mañá comezarán a chegar as primeiras nenas e nenos. Durante a visita anunciou que a Xunta de Galicia reforzará o protocolo de seguridade xa aplicado o ano pasado coa realización dunha proba de antíxenos completamente gratuíta para todos os participantes e monitores antes do inicio dos campamentos, minicampamentos e campos de voluntariado que conforman a Campaña de Verán.
Baixo o lema “O verán que mereces”, a programación estival deseñada pola Xunta de Galicia ofrecerá desde xullo e ata setembro unha oferta de ocio seguro, na que se manterán o resto de medidas de protección aplicadas durante a pasada edición, como a redución do aforo, o incremento do número de monitores, o reforzo das medidas de desinfección e limpeza ou a adaptación das actividades ás normas hixiénico-sanitarias.
A conselleira de Política Social lembrou, neste sentido, que durante o ano pasado Galicia foi das poucas Comunidades que mantivo a campaña de verán e logrou que se desenvolvera sen incidentes xa que non se rexistrou ningún caso positivo. “Isto levounos a incrementar a oferta de prazas durante este ano en máis de 1000, ata chegar a un total de 7.800 prazas”, resaltou.
Conciliación, ocio seguro e emprego
Fabiola García sinalou, ademais, que as familias galegas volveron confiar este ano na campaña de verán do Goberno galego, xa que o 98% das prazas ofertadas nos campamentos xa foron adxudicadas. Así, apuntou que os campamentos ofrecen ás nais e pais a posibilidade de conciliar durante o verán; ás nenas e nenos axúdanlles a seguir aprendendo; e ademais, permite xerar emprego nun sector como o do tempo libre.