Friday 22 de November de 2024

A Fundación Galicia Europa realizou en 2020 un estreito seguimento da resposta económica europea á crise da Covid-19


― O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE e director da Fundación Galicia Europa, Jesús Gamallo, explicou na reunión do padroado da FGE as actuacións da entidade no 2020

― A Fundación organizou 11 reunións de alto nivel, aumentou a dixitalización dous seus procesos de traballo e organizou un ciclo de encontros virtuais entre a Xunta e institucións europeoas sobre os fondos “Next Generation UE”

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE e director da Fundación Galicia Europa (FGE), Jesús Gamallo, presentou na primeira reunión anual dos membros do órgano de goberno da FGE a Memoria de actividades 2020 da entidade na que tamén se fixo balance das actuacións que está a levar a cabo neste 2021.

Como explicou o director xeral, ao longo de 2020, a FGE organizou un total de 11 reunións de alto nivel, como as cinco celebradas entre o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e altos cargos das institucións comunitarias, e fixo un estreito seguimento da resposta económica europea á crise da covid-19, que desembocou, o pasado mes de xullo, na aprobación do novo instrumento temporal de recuperación Next Generation UE. Este feito levou á FGE a poñer en marcha un ciclo de encontros virtuais entre a Xunta e diversos responsables das institución europeas, co obxectivo de explicar en Galicia o alcance das medidas adoptadas pola Comisión.

Ademais, Gamallo fixo especial fincapé nos esforzos levados pola FGE no 2020, para dixitalizar os seus procesos de traballo, que continúan neste 2021 e que, nos vindeiros meses, se traducirán na posta en marcha do novo portal web. Como sinalou o director, estes esforzos xa están a amosar bos resultados na estratexia de redes sociais da entidade e a permitir a posta en marcha de varias das actuacións acordadas na reunión do padroado do mes de decembro, como a celebración de tres das cinco edicións do curso de especialización en financiamento comunitario TecEuropa.

Os membros do padroado da FGE puideron abordar tamén outras cuestións en clave europea, como a recente aprobación do plan de recuperación español ou o novo Pacto Europeo polo Clima, co que a FGE se comprometeu recentemente.

A Fundación Galicia Europa
A Fundación Galicia Europa é unha entidade instrumental do sector público autonómico creada en 1988 co fin de promover todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa. Participada por diversas entidades públicas e privadas galegas, esta fundación está vinculada funcionalmente á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, da Vicepresidencia da Xunta de Galicia. Conta con dúas oficinas: unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das preto de 350 representacións rexionais establecidas na capital comunitaria.