Friday 22 de November de 2024

A “reinauguración” do palco de Ferreira convértese en homenaxe a Vicente Castro Naveiras, único e último alcalde de San Sadurniño durante a República


O adro da igrexa de San Paio de Ferreira engalanouse de festa este domingo, día en que, en circunstancias normais, a parroquia estaría honrando ao santo. Unha carpa, a veciñanza reunida e vestida para a ocasión, a Banda Municipal de Ortigueira tocando pasodobres… todos os ingredientes necesarios para dárlle a solemnidade requirida a unha cita na que se volvía inaugurar o palco da música levantado hai case 85 anos, ao que máis recentemente o Concello lle deu un lavado de cara para que dure polo menos outros tantos. A pequena construción é a única que queda deste tipo en San Sadurniño e das poucas que se conservan en toda a comarca. Tras dela hai unha historia que merece ser contada e que se foi recompoñendo no encontro do domingo ao mediodía a base de pinceladas de memoria relacionadas con Vicente Castro Naveiras, Vicente da Fraga, alcalde de San Sadurniño en tempos da II República e persoa encargada de inaugurar o quiosco a primeira vez o 17 de xullo de 1936, véspera do golpe de Estado militar que desencadearía a Guerra Civil. De feito, na celebración do domingo o palco pasou a un segundo plano para deixarlle lugar á lembranza daquel tempo e á homenaxe a un home “bo e xusto” recordado como tal pola xente máis vella de Ferreira e tamén pola familia, representada no acto pola súa filla Claudina, polas netas e netos -algúns chegados desde Barcelona- e por un bo número de descendentes.

Secundino García abriu o encontro agradecéndolle á concelleira de Cultura, Amparo Calvo, “a organización deste necesario acto de recuperación da nosa memoria colectiva” e tamén ao profesor Manolo González, impulsor do proxecto Fálame de San Sadurniño, posto que “sen as súas investigacións e o seu traballo, o acto que hoxe realizamos non sería posible”.

Estes agradecementos encabezaron o repaso do actual rexedor pola historia do pequeno palco da música “financiado polos veciños e nomeadamente polos emigrantes da Arxentina e o Uruguay” e inaugurado en vésperas do comezo da Guerra Civil por Vicente Castro Naveiras, alcalde desde San Sadurniño desde 1931 até o 26 de xullo de 1936, data na que foi apartado do seu cargo polo tenente da Garda Civil de Ortigueira, Maximino Lobo Navascués.

Neses cinco anos de mandato, a corporación presidida por Vicente da Fraga promoveu numerosas melloras no Concello ocupándose, entre outras, da dotación educativa en todas as escolas de San Sadurniño, da construción de pontes que permitisen unhas boas comunicacións internas ou de accións de tipo social, ademais de incrementar o orzamento municipal e manexar con moita man esquerda, de par que firme, a relación do consistorio coa marquesa de San Sadurniño.

Un dos seus últimos actos públicos como alcalde foi, precisamente, a inauguración do palco de San Paio. Naturais de Ferreira como Vicente García, coñecido como Vicente de Estrella, de 97 anos, ou Manuel Bañobre (90), recordaban na mañá do domingo a construción do pequeno quiosco. “Aquí traballaron Juan o do Teixeiro e Avelino o de Grandal, que eran canteiros”, lembra Vicente de Estrella, mentres que Bañobre engade os nomes de “Bernardino, Ánxel de Covelo e Ramón da Plaza” canda o retrato preciso do ambiente que se vivía en Ferreira nos días de festa: “antes isto non estaba así, a carretera ía máis alta, había un muro cun banco corrido onde se poñían as rosquilleiras e ao lado da igrexa tamén había un alpendre para vender cousas da misa e unha caseta para facer as autopsias. As bandas coma esta de Ortigueira ou outras baixaban do coche na Camba e xa viñan tocando pola carretera. Aquilo era unha marabilla. Se tiñas catro ‘chicos’ aforrados ías aos barquillos, ás lanchas… Tamén andábamos apañando nas varas dos fuegos para quitarlles o cordel de cáñamo, porque con el cosíanse zapatillas”, recorda Bañobre, quen andando o tempo tería zapataría nos Covos, en Neda.

Momentos de medo e incertidume
Ambos trataron desde nenos a Vicente Castro Naveiras, descrito por Manuel Bañobre como “un home moi servicial”. Vicente de Estrella, sete anos máis vello, xa era un mocete no momento do golpe de Estado e atesoura un recordo máis nidio dos sucesos do 1936 e os momentos de medo e incerteza que se viviron nos días posteriores e despois, durante a guerra: “viñamos dunha romaría das Somozas e, polo Chao de San Cristovo, pasaron corenta coches cargados de homes que ían cantando para o frente de Asturias”.

O alcalde republicano non foi represaliado coma outros, debido aos informes que del fixeron o sarxento da Garda Civil e mailo crego de Ferreira. Pero iso non o librou do temor, das ameazas nin tampouco da sancións. “Vicente da Fraga era moi boa persoa. El era ‘das esquerdas’ e ao estallar a guerra puxéronlle unha multa de oitenta pesos (400 pesetas daquel entón). Oitenta pesos!, que eran moitos cartos de Dios. Xuntouse a parroquia para pagarlla e foron levarlle os cartos aos Pontigos, pero el non os quería”, relata con grande lucidez Vicente de Estrella a escasos tres anos de se converter en centenario.

Claudina, filla de Vicente Castro, é unha das dúas mulleres que aínda viven dos sete irmáns e irmás que foron noutro tempo. A outra é Matilde, que non puido estar en Ferreira este domingo aínda que si o fixeron os fillos. Claudina, feita toda unha moza de corpo e cabeza aos seus 96 anos, acórdase de “ver falar a papá” na inauguración do palco.

Pero o que ten máis gravado na memoria foi a convulsión do 36 e como lle afectou ao seu pai e ao resto da familia. “El era un home moi sufrido, sufría para si, pero para fóra non se lle notaba nada”, conta Claudina. Con dez anos viviu en persoa como un home, armado cun fusil e vestido de falanxista -“o traxe nin sequera era del, emprestárallo un primo”-, presentouse na porta da casa para chantaxear ao xa exalcalde: “díxolle a meu pai que ou lle daba 100 pesos ou, se non, xa sabía o que lle quedaba, mentres lle botaba a man ao fusil. Eu temblaba co medo e dicíalle a meu pai ‘papá déallos, papá déallos por favor’, pero el, moi firme e tranquilo, díxome que calase e aquel home acabou marchando sen os cartos”.

Un home “bo e xusto”
Vicente, neto do alcalde republicano, veu desde Barcelona expresamente para a homenaxe. Malia ter emigrado con 16 anos el séguese considerando do lugar da Fraga, a onde regresa todos os anos sempre que pode. Foi el quen quizais fixo a semblanza máis sentida de quen era, ademais de avó, o seu padriño. “Era un home bo, un home xusto. Pero ademais de ser bo, era xeneroso, pacífico, humilde e sinxelo. Creo que tiña todas as condicións para ser considerado un home sabio”.

Un home sabio que, segundo contou o afillado, tamén foi “un adiantado ao seu tempo” que quixo educar aos seus lonxe dos resentimentos, pero sen esquecer: “explicounos aos netos que estabamos na casa os episodios todos da posguerra e o medo que el puido ter, algo que explicaba en terceira persoa, como se lle ocorrera a un amigo. Supoño que o fixo para que nós medrasemos sen odiar, que medrásemos coa conciencia branca”, dixo Vicente Álvarez Castro.

Tanto el como Claudina e o resto da familia asistiron con grande emoción á homenaxe que se lle rendeu o domingo ao vello Vicente da Fraga, falecido en 1979 a piques de facer 97 anos. Amparo Calvo resumiu a esencia da xornada: “O que dá de si o mantemento dun palco, non?. Os veciños e veciñas de Ferreira fostes os que pelexastes para conservar este patrimonio. E en vez de falar de ladrillos e obras, acabamos lembrando a Vicente Castro Naveiras”, dixo a concelleira de Cultura antes de agradecerlle a Julia -neta de Vicente- e a Lucía -bisneta- todo o traballo que fixeron nas últimas semanas para axudar neste tributo a un home “moi entrañable e moi querido”.

Desde o domingo, ademais da reseña histórica en Fálame de San Sadurniño e do recordo de quen o coñeceron, queda no palco da música de Ferreira unha pequena placa -descuberta por dúas tataranetas- na que pervivirá gravado en pedra o seu nome e a lembranza daquela inauguración do 17 de xullo de 1936. “Meu avó dicíame sempre: as persoas marchan, pero as obras quedan. Este día, Vicente Álvarez Castro, neto de Vicente da Fraga, nunca o olvidará”. Tampouco o esquecerá Claudina, moi agradecida por un acto que en certa maneira se preparou como unha sorpresa para os descendentes máis directos. “Foi marabilloso, nunca pensei velo. Quedo agradecidísima a todos porque non tiñan por que facelo, porque coma el haberá poucos… pero algún debe haber”.