Entre as accións formativas que se impartirán destacan metodoloxías para dinamizar grupos na acción voluntaria, marketing social, desenvolvemento de procesos participativos ou xestión de proxectos
A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, ofertará este ano un total de 26 cursos de formación en materia de voluntariado. Salvo unha destas accións formativas, a destinada ao voluntariado de persoas reclusas, todos os demais ofreceranse en liña a través da plataforma www.voluntariadogalego.org. A inscrición nestes cursos irase iniciando ao longo do ano, segundo as demandas.
Ademais do curso básico de iniciación ao voluntariado, este plan de formación conta con cursos como o de aprendizaxe-servizo a través do voluntariado, metodoloxías para dinamizar grupos na acción voluntaria, marketing social, desenvolvemento de procesos participativos ou xestión de proxectos.
Esta programación tamén ofrece cursos para a formación de persoas que queiran participar en programas máis concretos, como o voluntariado dende dentro; o ambiental; o de coidado de persoas con alzhéimer; o dixital; o de catástrofes e emerxencias; o de violencia de xénero; ou o de prevención da dependencia.
Dende o ano 2009 participaron nestas accións formativas preto de 47.000 persoas voluntarias, cunha media de 29 cursos ofertados por ano. O curso con máis demanda foi o de voluntariado con persoas con alzhéimer, que finalizaron un total de 703 voluntarios, seguido do de voluntariado para apoio e acompañamento ás vítimas de violencia de xénero, con 585 persoas.
Tamén destacan polo número de voluntarios participantes, os cursos sobre dano cerebral adquirido e ictus, con 557 persoas, o de habilidades sociais, traballo coa terceira idade e acompañamento hospitalario, con 550 ou o de catástrofes e emerxencias, que o remataron 548 voluntarios.