― O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu hoxe en Vigo á inauguración da oficina do cónsul honorario de Rusia en Galicia, Pedro Mouriño
― Destacou o aumento de peregrinos procedentes de Rusia, ao pasar dos 238 de 2010 aos máis 2.600 rexistrados en 2019, polo que confía en recuperar esta tendencia neste Xacobeo 21-22
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, asistiu esta tarde á inauguración da oficina do cónsul honorario de Rusia en Galicia, Pedro Mouriño, ubicada en Vigo.
Alfonso Rueda destacou que o novo consulado honorario, o único de Rusia no noroeste peninsular, suporá unha nova oportunidade para fortalecer a cooperación entre Galicia e o país ruso en ámbitos como as relacións comerciais, a cultura ou a promoción turística. Nesta liña, incidiu no aumento do interese dos cidadáns rusos por visitar Galicia atraídos pola cultura e a gastronomía, ocupando o posto 15 en canto ao peso dos mercados turísticos estranxeiros na comunidade.
Por iso, indicou que un dos principais reclamos para os turistas rusos é o Camiño de Santiago, un fenómeno recoñecido a nivel internacional que permite situar a Galicia no mapa. No caso de Rusia a afluencia multiplicouse por 10 nos últimos anos, ao pasar dos 238 peregrinos contabilizados no Ano Santo 2010 aos máis de 2.600 de 2019. Por iso, o vicepresidente primeiro confía en volver a recuperar esa tendencia que se freou o ano pasado debido á covid-19 neste Xacobeo 21-22.
Neste e outros ámbitos aposta pola cooperación co novo consulado honorario, ao igual que co medio cento de oficinas do corpo consular acreditado en Galicia, 15 delas en Vigo á que se une agora esta oficina do consulado honorario de Rusia en Galicia.