A Xunta de Galicia valora moi positivamente a colaboración existente coa UME
Responsables da Xunta e da Unidade Militar de Emerxencias (UME) reuníronse esta semana en Santiago para mellorar a coordinación en materia de loita contra os incendios forestais e xestión de emerxencias. Por parte da Administración autonómica participaron na xuntanza o secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, e o director xeral de Interior e Emerxencias, Luís Menor. Pola UME asistiu ao encontro o Tenente Coronel Juan Carlos Trujillo.
Na reunión avaliáronse aspectos como a mellora das comunicacións durante os operativos de loita contra os incendios forestais, para fomentar unha maior integración dos medios, mellorar os protocolos de actuación e procurar unha maior efectividade nestas tarefas. Valorouse tamén a intervención dos efectivos da UME especialmente nos incendios rexistrados en zonas urbano-forestais, nas que se pon de manifesto con maior intensidade a necesidade de reforzar a coordinación entre os propios medios de extinción e os corpos e forzas de seguridade do Estado, para optimizar a defensa e protección das persoas e dos bens. Así, neste encontro reforzáronse os protocolos de coordinación entre o Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, a propia UME e outros servizos de emerxencias.
En materia de formación, nesta xuntanza avanzouse no intercambio de cursos entre persoal da UME, dos servizos de extinción de lumes e de emerxencias, de tal forma que os militares poidan ter a oportunidade de formarse na Academia Galega de Seguridade (sobre todo no eido da xestión de emerxencias) e á súa vez o persoal do servizo de extinción e o de emerxencias poida participar nos cursos programados pola UME.
Esta reunión de traballo enmárcase no convenio de colaboración existente entre o Ministerio de Defensa e a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Fíxose un seguimento das liñas acordadas na reunión da Comisión realizada a principios do ano 2014 e acordáronse as accións conxuntas a levar a cabo no ano 2015, co fin de mellorar a coordinación e operatividade dos medios.