· As conversas, que estiveron dirixidas pola nova axente de Igualdade municipal, poden verse na web municipal.
O Concello de Camariñas súmase aos actos conmemorativos polo Día do Orgullo LGTBIQ+ que se celebra hoxe, luns 28 de xuño, publicando unha serie de entrevistas gravadas a tres expertas e especialistas en xénero e igualdade.
As conversas poden verse na web municipal www.camarinas.net e estiveron dirixidas pola nova axente de Igualdade municipal, un posto que non estaba cuberto nos últimos anos e que ven de rematar o proceso de selección.
Entrevistouse a: Patricia Freire, graduada en Educación Social especializada en xénero e igualdade que colabora como voluntaria ALAS Coruña desde hai 3 anos e coa que se falou sobre a bisexualidade; Ana García Fernández, activista non binaria polos dereitos do colectivo LGTB con especial atención aos dereitos do colectivo trans e presidenta de ALAS Coruña; e a Sara Romero, activista feminista da Marcha Mundial das Mulleres e unha das propulsoras da Lei Trans galega do 2017.