Friday 22 de November de 2024

Entregado o Premio Internacional Aymeric Picaud de Divulgación Periodística do Camiño de Santiago


― A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a comisaria do Xacobeo 21-22, Cecilia Pereira, participaron na gala de entrega dos premios

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a comisaria do Xacobeo 21-22, Cecilia Pereira, participaron na gala de entrega VIII Premio Internacional Aymeric Picaud de Divulgación Periodística do Camiño de Santiago, promovida pola Liga de Asociacións de Xornalistas do Camiño Francés a Santiago que se celebrou hoxe no Salón Nobre do Pazo de Fonseca.

Os galardoados nesta edición, que se deron a coñecer o pasado mes de marzo, foron o responsable da editorial francesa Le Vieux Crayon, Jacques Clouteau e Marie-Virginie Cambriels, coordinadora das guías de peregrinos lanzadas por esta editorial baixo o nome Miam Miam Dodo, a publicación de referencia para os peregrinos franceses con máis de 30.000 exemplares publicados ao ano e que vén de transformarse tamén en aplicación móbil. Trátase da innovación dixital máis recente e exitosa deste equipo, dispoñible en IOS e Android, e moi empregada polos peregrinos de hoxe en día.

O xurado profesional que outorgou o premio tamén valorou o traballo da editorial ao longo de máis de 25 anos de traballo documentado, rigoso e profesionalizado a favor dos peregrinos do Camiño de Santiago, ofrecendo información cun alto valor referencial.