― O vicepresidente primeiro da Xunta participou hoxe por videoconferencia nunha reunión da Asociación Internacional para a Cooperación Turística, na que abordou o desenvolvemento do Xacobeo 21-22 en Galicia
― Explicou o traballo da Xunta para reforzar a imaxe de Galicia como destino seguro con medidas como o seguro coronavirus e para contar cun Camiño seguro con actuacións de conservación, sinalización e mellora paisaxística en tódalas rutas
― Lembrou que Galicia está preparada para recibir a turistas e peregrinos nun destino seguro, de calidade e sostible que ofrece un turismo tranquilo e en espazos abertos como están a demandar os visitantes no escenario postpandemia
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta tarde por videoconferencia na reunión mensual de asociados da Asociación Internacional para a Cooperación Turística (Asicotur),cunha intervención sobre o Xacobeo 21-22 na que destacou a oportunidade histórica que supón contar co primeiro Ano Santo Bianual para reactivar a economía galega e, en especial, o sector turístico.
Na súa intervención Xacobeo 21-22. Camiña a Galicia neste encontro que reuniu a participantes de máis de 20 países de lingua española e portuguesa incidiu en que o Ano Santo é un fenómeno internacional que permite situar a Galicia no mapa de Europa e do mundo. Supón ademais –indicou- un revulsivo para a recuperación económica debido ao impacto que xera nos concellos que atravesan as distintas rutas xacobeas.
Alfonso Rueda expuxo as actuacións que a Xunta levou a cabo e continua a executar en canto á conservación e mantemento dos Camiños, á súa sinalización e á mellora paisaxística da contorna para ofrecer a mellor imaxe de Galicia aos peregrinos. Así, sinalou que contan cun Camiño Seguro cuns albergues seguros, nos que tamén se están a realizar melloras e ampliacións co obxectivo de contar neste Xacobeo 21-22 con 78 infraestruturas da rede pública. Ademais, debido ao aumento de afluencia nas últimas semanas con máis de 10.000 Compostelas seladas só no que vai do mes de xuño, o pasado martes abríronse a metade de albergues da rede pública e o resto farano o 1 de xullo. Os peregrinos atoparán tamén –engadiu- unha Catedral e un Pórtico da Gloria rehabilitados e un Monte do Gozo revitalizado para darlles a benvida na entrada á cidade de Santiago.
Desde o inicio da pandemia a Xunta apoiou aos negocios do turismo galego, que foron dos máis afectados polas restricións sanitarias derivadas da covid-19, a través das dúas convocatorias dos Plans de Rescate cos que se mobilizaron 182 millóns de euros e con distintas liñas de axudas no marco do plan de choque para o sector turístico.
Co obxectivo de fomentar o consumo interno o Goberno galego tamén puxo en marcha a Tarxeta Bono Turístico #QuedamosenGalicia coa que se pretende chegar a 10.000 usuarios e renovou o programa Elixe Galicia de estancias para varios colectivos. A previsión é inxectar ao sector máis de 10 millóns de euros entre ambas iniciativas.
De cara a ofrecerlle un plus de tranquilidade aos viaxeiros e recuperar a súa confianza na tempada estival, Alfonso Rueda lembrou que está xa en vigor o seguro coronavirus, unha medida pioneira a nivel estatal que de forma automática cubre aos turistas e peregrinos que visiten Galicia os gastos derivados de contraer a infección de covid-19 ou a prolongación de estancia por corentena obrigada.
Na mesma liña, o vicepresidente primeiro explicou que a campaña de promoción Camiña a Galicia invita aos visitantes a facer o Camiño neste Ano Santo e desfrutar na comunidade dun destino seguro, de calidade e sostible que ofrece o que máis están a demandar os viaxeiros no escenario postpandemia cun turismo tranquilo sen masificacións en espazos abertos en contacto coa natureza.
Trátase dos piares nos que se sustenta o Plan Galicia Destino Seguro 2021-2023 no que a Xunta traballa como folla de ruta do futuro modelo de turismo galego para continuar a reactivar o sector, ademais de aproveitar a oportunidade de contar cunha Década Xacobea.