― Poderán utilizarse as barras dos establecementos para pedir e servir consumicións, e as pistas de baile sempre que se respecte a distancia interpersoal
― Os clientes deberán rexistrarse, o uso da máscara no interior será obrigatorio e deberá controlarse que o nivel de CO2 non supere as 1.000 ppm
― O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, valoraron de xeito positivo as probas piloto realizadas o pasado día 12 e acordaron nunha reunión co sector o protocolo para a reapertura do ocio nocturno
Os establecementos de ocio nocturno reabrirán as súas portas en Galicia o vindeiro 1 de xullo, inicialmente ata as 3 de mañá e co 50% de ocupación, se ben a mediados de mes analizaranse os resultados para estudar a posibilidade de ampliar tanto o horario de apertura como o nivel de ocupación.
O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acordaron hoxe con representantes do sector o protocolo de reapertura dos locais de ocio nocturno, que poderá facerse efectivo nos concellos cun nivel epidemiolóxico medio-baixo ou inferior, que son a maioría en Galicia.
Nese encontro valoráronse positivamente as probas piloto realizadas o pasado día 12 en catro pubs e dúas discotecas. Atendendo aos resultados das mesmas e á boa evolución da situación sanitaria en Galicia, acordouse a reapertura dun dos sectores que máis tempo permaneceron pechados por mor da pandemia. As medidas acordáronse co obxectivo de ir paulatinamente avaliando os resultados para non ter que dar marcha atrás.
Da man do sector, o protocolo recolle a apertura dos locais ata as 3 da mañá cun 50% de ocupación no interior e un 100% en terraza. Os clientes, que deberán rexistrarse e usar máscara, poderán pedir as consumicións na barra, así como facer uso das pistas de baile sempre que se manteña o metro e medio pertinente de distancia interpersoal.
Como noutros establecementos de hostalería, será necesario garantir a ventilación e controlar o nivel de CO2 con medidores, se ben no caso do ocio nocturno, o límite permitido fixouse nas 1.000 ppm.
O Goberno galego agradeceu tanto ao sector como aos clientes a súa responsabilidade nas probas piloto e agarda que a reapertura se produza na mesma liña e que permita, cando dentro de 15 días se analicen os resultados, flexibilizar as normas. Nese sentido, o vicepresidente primeiro da Xunta apelou a seguir sendo responsables porque “sen sentidiño non hai desescalada”, advertiu.