― O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, felicitouna polo seu proxecto, seleccionado entre as dez candidaturas presentadas
― A iniciativa forma parte dos programas para autores que a Xunta está a impulsar con distintos países
― A gañadora realizará unha estadía literaria na Writers’ House of Georgia de Tblisi, ao tempo que un autor xeorxiano viaxará á na Residencia Literaria 1863 da Coruña
― O obxectivo do programa é contribuír á proxección exterior da literatura galega
O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, felicitou hoxe á gañadora da primeira bolsa do programa de intercambio cultural entre escritores galegos e xeorxianos, a profesora e escritora Iria Collazo López. A autora galega traballará e investigará en Xeorxia durante o mes de setembro para reforzar a proxección exterior da literatura galega, mentres que o seleccionado xeorxiano fará o mesmo en Galicia.
No encontro participou tamén a poetisa Yolanda Castaño, responsable da Residencia Literaria 1863, entidade colaboradora no programa e en cuxas instalacións realizará a estadía o autor xeorxiano seleccionado.
Pola súa banda, na súa estadía en Tblisi, a autora galega realizará a residencia literaria nas instalacións da Writers’ House of Georgia, onde poderá entrar en contacto con outros autores internacionais. Ademais da estadía, a bolsa inclúe dietas para gastos básicos, convites a concertos, museos, teatro e danza, así como visitas guiadas á cidade, acceso ilimitado a bibliotecas, charlas e recitais, así como un evento público de mostra do seu traballo literario.
Nada en Barro (Pontevedra) en 1981, Iria Collazo é licenciada en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo e Premio extraordinario fin de carreira. Exerce como docente de Lingua e Literatura Galegas en Secundaria e no Bacharelato no instituto IES As Barxas (Moaña).
Ten publicadas na Editorial Galaxia a novela Coma unha áncora (2015), o libro de relatos A soidade das medusas (2017) –que se traduciu ao portugués en Brasil con Mar Maior e ao francés na editorial Solanhets– e a obra de literatura infantil A casa do paralelo 54 (2019). Co poemario De casa queimada acadou o Premio de poesía Torre da Caldaloba.
O proxecto de creación literaria presentado para esta convocatoria afonda na relación de dous consogros a través o que a propia autora define como “unha sorte de road trip rural embargada pola nostalxia” e cuxo percorrido de seguro se poderá ver enriquecido durante a estadía en Xeorxia.
Segunda experiencia
O Intercambio Xacobeo 21 Galicia-Xeorxia é o segundo programa deste tipo impulsado pola Xunta de Galicia, tras o éxito da Residencia Xacobeo 21-22, o primeiro programa de residencias literarias para tradutores do que foi gañadora a profesora Kathleen March, unha das máis prestixiosas divulgadoras da literatura galega nos EEUU.
A esta convocatoria concorreron dez candidaturas de escritores maiores de 18 anos nacidos ou residentes en Galicia con polo menos un libro publicado en galego, que debían presentar ademais un proxecto de escrita de creación. As propostas foron sometidas a un proceso de selección por un Comité de Valoración designado pola Residencia Literaria 1863 e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e composto por profesionais de recoñecido prestixio na tradución e a literatura galega.