Friday 22 de November de 2024

A Xunta defende o talento e a formación como as materias primas para dar resposta á transición ecolóxica e dixital que ten por diante Galicia


― O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asistiu esta tarde na Coruña á clausura do curso académico da Escola de Finanzas Business School

― Destaca que o novo modelo económico cara o que camiña Galicia se sustenta no binomio da dixitalización e a sustentabilidade, polo que os perfís profesionais máis demandados serán aqueles que leven o apelido “dixital” e sexan máis técnicos, científicos e especializados

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asistiu esta tarde na Coruña ao acto de clausura do curso académico da Escola de Finanzas Business School 2020-2021. Durante a súa intervención, destacou que o talento e a formación son as materias primas máis valiosas para atopar as respostas aos retos que Galicia ten por diante.
Conde, que lle trasladou os seus parabéns aos alumnos e alumnas que hoxe se graduaron na escola coruñesa, apuntou que será o coñecemento o que abrirá as portas a estas novas xeracións, máis nun momento como o actual onde todo xira ao redor da I+D+i. Así, sinalou a dixitalización e a sustentabilidade como o binomio no que se sustenta o novo modelo económico, polo que asegurou que os perfís profesionais máis demandados serán aqueles que leven o apelido “dixital” e sexan máis técnicos, científicos e especializados.
O vicepresidente económico da Xunta de Galicia non quixo esquecer o papel clave que xoga o tecido produtivo, afirmando que a transición ecolóxica e dixital vai necesitar de empresas responsables que teñan moi claro o principio de “facer ben e facelo ben” para impulsar o éxito da Galicia innovadora.